Lara Rozados . Nos días anteriores ao seu quinto aniversario, Galicia Hoxe fai de anfitrioa para a Conferencia Internacional de Diarios en linguas minoritarias e multilingüismo, que cada ano organiza a Asociación Europea de Xornais Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais. O director do xornal, Caetano Díaz, falou connosco.
A Conferencia Internacional de Diarios en linguas minoritarias e multilingüismo, convocada anualmente pola asociación Midas (European Association of Daily Newspapers in Minority and Regional Languages), e organizada este 2008 por Galicia Hoxe (do Grupo Correo) terá lugar no hotel AC Palacio del Carmen, en Compostela, entre hoxe e o día 17, coincidindo co quinto aniversario da cabeceira, polo de agora, o único xornal diario impreso en galego. Segundo nos conta o seu director, Caetano Díaz, "o balance destes cinco anos é razoabelmente satisfactorio. Os medios que publicamos en galego sabemos que, desgraciadamente, o idioma é unha especie de muro para chegar ao público, non sei se é culpa da dinámica dos propios medios, pero Galicia Hoxe, para este grupo, é unha experiencia fascinante. Ten moito mérito conseguir saír da invisibilidade". A experiencia do Grupo Correo con prensa diaria en galego remóntase a O Correo Galego, que se editou durante unha década. "A proposta do editor, Feliciano Barrera, e do antigo director, agora conselleiro delegado, Xosé Manuel Rei Nóvoa, foi facer un novo medio, máis fresco, máis moderno, "algo como o telexornal da 2". E aí naceu Galicia hoxe". Por que non contamos con máis experiencias dese tipo? Que é o que falta para que en Galiza frutifiquen iniciativas xornalísticas en galego? Cando se mira o mapa da Midas, resulta curiosa a alta concentración de xornais na zona catalanófona. Cal é o contexto sociolingüístico do catalán para que isto aconteza? "Vai moi ligado á consideración social do idioma", conta o director de Galicia Hoxe, "pero aquí tamén vivimos un momento especialmente vizoso en prensa local e comarcal até a Guerra Civil. Despois, durante o franquismo, esmagáronnos o idioma, mentres que en Cataluña o mantiveron como sinal de identidade. A consciencia do idioma como elemento identificador foi outra". Neste sentido, a Midas actúa como "un paraugas protector" dos xornais europeos en linguas minoritarias, sexa porque se trata de linguas propias dunha rexión, pero que non son a oficial do Estado, como o noso caso, sexa porque existe unha comunidade falante dunha lingua oficial estatal noutro estado onde esa lingua tivo presenza histórica, e atopamos así xornais letóns en ruso (Vesti Segodnya), romaneses en húngaro (Bihari Napló), italianos en alemán (Primorski Dnevnik, do Triestre) ou mesmo mesturas como o Dolomiten, do Norte de Italia, en ladino e alemán. "Consegue facer máis visíbeis medios que gozan de moi pouca visibilidade no seu país. Pero da unión dos pequenos, sae a forza".
Caetano Díaz. Arquivo El Correo Gallego
1 / 2
O reto da consideración social do idioma
Hai unha comunidade de falantes que o ten complicado para atopar información na súa lingua e sobre temas de noso. Hoxe en día, o xornal non só é o único diario na nosa lingua, senón que tamén conta cunha sección cultural ampla e moi centrada na cultura galega ("Maré") e conta con outros sinais de identidade moi especiais: "estamos moi pendentes da evolución do autogoberno, preocúpanos o medio natural, e atendemos a temas que aos outros medios non lles interesan", explica Díaz.
No camiño á normalización
A este respecto, xa documentos como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias contempla no seu articulado a necesidade de que os medios nas linguas propias sexan protexidos, incentivados e fomentados. Acontece na práctica? "Estamos satisfeitos coa implicación das institucións", explica Díaz, "pero cómpre dar pasos máis decididos, fortes e libres. Témoslle certa envexa ao modelo catalán e mesmo ao vasco, pero o noso xornal, por exemplo, naceu xusto ao final da era Fraga, cando a política de axudas aos medios era para salvar a cara e pouco máis. Agora, esa política é máis forte, pero aínda menos do que debería ser. As institucións públicas, e tamén as grandes institucións privadas, deberían apostar polos medios privados; non só pola súa viabilidade, senón tamén pola súa liberdade".