Ana Camiño . O xefe dunha sección do hipermercado Carrefour en Coruña dirixiuse así a unha das súas empregadas por falar en galego.
Membros da Mesa durante a presentación pública da denuncia.
“Lenguas menores”, así calificou un responsable dun dos Carrefour da Coruña ao galego, lingua habitual dunha das súas empregadas.
Segundo fixo público A Mesa pola Normalización Lingüística, un xefe de sección do hipermercado da rúa Alfonso Molina, dirixiuse a unha empregada chamándolle “burra” por falar en galego.
Segundo a información da que dispón a Mesa, non é a primeira empregada á que esta persoa lle prohibe utilizar o galego no seu posto de traballo.
Esta non é a única queixa recibida na Mesa contra a discriminación do galego en Carrefour. Fran Rei, membro da directiva nacional da asociación cívica, sinalou que unha cidadá tamén denunciou que lle devolveron un escrito presentado nun centro de Pontevedra dicíndolle que, se quería ser atendida, debería redixir o mesmo en castelán.
Pola súa banda, o presidente da Mesa, Carlos Callón pediulle a Carrefour que tome medidas para solucionar esta situación, e dirixiuse tamén á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á Consellaría de Traballo.
Descargar Tarifas