
Cubro catro longos impresos, súmome a unha fileira con centos de persoas e, tras media hora de espera, devólvenme un dos papeis coa advertencia de que se o perdo terei que pagar 42 dólares para saír do país. Estou unha vez máis en México, o país da burocracia, onde o presidente Felipe Calderón acaba de lanzar unha campaña oficial invitando os cidadáns a que denuncien o trámite más inútil que tivesen que realizar na súa vida. Os carteis están aí, dende a propia aduana ás rúas, e buscan descubrir o trámite máis absurdo dun país no que están inventariados 4.200 procesos burocráticos oficiais que os cidadáns deben realizar para entrar e saír, para ir e para vir, para nacer ou morrer, para mercar ou vender, para vivir... Nunha primeira fase, a campaña quere eliminar un milleiro destes trámites inútiles para, máis adiante, reducir esta lacra que sitúa a México moi lonxe da Sociedade da Comunicación.
Os mexicanos ven na burocracia gran parte do fracaso económico do país e considérana unha herdanza moi española, perfeccionada primeiro polos independentistas, e consumada polo PRI que, grazas ao seu dominio, mantívose 70 anos no poder. Dende a colonia a burocracia foi unha caste de axencia de colocación para os amigos do poder e a creacións de funcións para eses postos implicaba unha serie de trámites que raiaban no absurdo. Foi tal a herdanza que pertencer á burocracia é sinónimo de éxito na vida. Aínda hoxe os mexicanos prefiren traballar na burocracia que en calquera outro posto. Só os mexicanos?