E. P . Ánxela Bugallo situou hoxe nun millón de euros a 'cifra provisional' do custo da viaxe da delegación galega á Feira do Libro da Habana.
Con todo, pospuxo para despois de que remate a feira, o próximo 24 deste mes, o balance final, en que dará conta do montante total da viaxe. Fronte ás críticas do PP, defendeu a importancia da participación galega e mostrou o "orgullo" de ser o primeiro territorio sen estado que é cultura invitada.
Comparativa
Ademais, comparou esta visita con "outras viaxes" e engadiu que "esas persoas que agora chaman a atención" deberían explicar "a que van, quen paga e por que" a Latinoamérica porque "non teñen nada que ver" con motivos institucionais". Por iso, rexeitou que lle dean "leccións" sobre esta cuestión e lamentou que "sexa o único que se formule" acerca da presenza galega na capital cubana.
Neste liña, preguntouse por que se cuestiona a participación promovida pola Xunta e non a auspiciada polo Goberno do Estado hai dous anos, cando España foi a cultura invitada. "Temos os mesmos dereitos", proclamou e mostrou o seu apoio aos membros da delegación, dos que destacou os seus "méritos propios" para estar na Habana.
"Éxito"
Así mesmo, incidiu no "éxito" que está a obter a delegación galega xa que, segundo Bugallo, o país que lle tomará o relevo o ano que vén, Chile, admitiu que se deixou "o pavillón moi alto". De feito, sinalou que o número de visitas e de vendas de libros está a superar as expectativas. Tamén apuntou que este boa acollida está servindo para darse a coñecer ante a Feira do Libro de Guadalajara, á que Galicia aspira a ser cultura invitada en 2011.
Antes, o deputado 'popular' Ignacio López Chaves utilizou parte da súa intervención durante o debate sobre a creación da Agadic para censurar esta viaxe á Habana, o que lle valeu dúas chamadas á orde da presidente da Cámara, Dores Villarino. Así, cualificou de "escándalo" a presenza galega e preguntou en varias ocasións cánto custou e cántas persoas acudiron á feira.
"Como vai ter memoria económica --a nova lei-- se o gastaron todo en Cuba?", inquiriu, e avogou por acudir a outras feiras e non á cubana. Neste senso, esgrimiu os datos das exportacións galegas á illa en 2006 en materia cultural, que ascenderon a 12.000 euros.