Ruído que me afasta do ruído propio, pois, para achegarme a outro que non podería cualificar como alleo –o de Bruxelas– debido á frecuencia coa que nos últimos anos acabei recalando nesta cidade pola miña condición de galego e pola súa de capital política e administrativa da Unión Europea. A miña actividade eiquí centrouse dende os seus inicios na defensa do software libre e dos estándares abertos. Nunha primeira fase intervín durante a tramitación da nefasta –e finalmente rexeitada– directiva de patentes informáticas, e actualmente participo asesorando na elaboración dos marcos técnicos e políticos que despois serán obxecto de aplicación en todo o territorio comunitario.
Naquela primeira fase, o papel de Galiza resultou decisivo. Cando as esperanzas de impedir a aprobación daquela directiva radicaban nun milagre, dende iste pais conseguimos tornar o previsto voto a favor do Estado español nun inesperado voto en contra. Iste voto marcaría o início do proceso de impugnación e rexeitamento final daquela directiva que era o buque insígnia do todopoderoso lobby do software norteamericano na Unión Europea.
De novo unha vella aldea celta convertíase en símbolo da resistencia ao novo Imperio, e desta vez a receita da apócema máxica tiña ingredientes coa marca de 'Galiza Calidade'. Galiza convertíase así no foco de atención das miradas máis influentes no ámbito institucional europeo das TIC, e iso situábanos nunha posición privilexiada para incrementar a intensidade da nosa participación na gobernanza europea.
É certo que, chegados a este punto, tivemos que asistir a un sainete orquestado polo centralismo español –paradoxalmente tamén opera no eido do software libre– que tratou de invisibilizar e mesmo desacreditar a contribución galega... mais de nada serviu aquel burdo intento de boicot. Xusto neses meses estaba a tomar forma o cambio de goberno en Galiza, e aquelo representaba unha oportunidade única para acadar o necesario respaldo institucional para a promoción do software libre e dos estándares abertos.
Unha vez asinado o acordo de goberno, e da mesma forma que conseguimos cambiar aquela votación, cada quen dende a súa área fixo a súa contribución. A min tocoume facelo asesorando na elaboración do PEGSI na área de interoperabilidade e incorporándome despois aos labores de coordenación de Mancomún; outros traballaron no seo interno das principais organizacións políticas, dende logo no eido asociativo e por suposto no empresarial, onde xurdiu AGASOL, unha das asociacións de empresas de software libre pioneiras do estado español.
Pasaron xa algúns anos dende que din os meus primeiros pasos no parlamento europeo da man, por certo, de Ana Miranda: unha desas persoas case invisíbeis que manteñen funcionando as redes exteriores do noso pais: as que nos conectan coas institucións europeas dende logo, pero tamén as que o fan coas nosas principais comunidades na emigración. Despois chegarían os primeiros correos á xente do COREPER coas deliberacións do Consello: e sempre tomando como referencia as potencialidades da comunidade galega do software libre. Non cabe dúbida de que somos capaces de traballar en malla, de forma eficaz e coordenada e de manter a un tempo unha interlocución cos poderes públicos superando as inevitábeis contradicións e atopando sempre unha solución para cada problema. O que fai uns anos era unha hipótese que os do sainete aquel pretendían poñer en dúbida, hoxe é unha realidade que a propia Comisión Europea toma como referencia á hora de formular ou desenvolver proxectos que xiren en torno aos conceptos de interoperabilidade, software libre e estándares abertos.
Formamos parte da Unión Europea, facémolo como unha máis das súas nacións con língua e sen estado propios e, a igual que os restantes pobos europeos, acudimos a Bruxelas para escoitar e ser escoitados. Formamos parte da UE gostemos ou non dise facto nós... e gosten ou non del os nosos veciños europeos.