Redacción . A antiga curtiduría de Santa Isabel, en Compostela, acolleu a presentación dunha nova edición deste evento, que volve coa súa vontade de estabelecer un diálogo fecundo entre a cidade, as artes e a cidadanía.
O III Roteiro de Creación Contemporánea quere ir máis aló dos axentes tradicionais de validación e adquisición de prestixio no sistema artístico, favorecendo o diálogo con produtores de diferentes técnicas, xeracións e estéticas, consagrados e emerxentes. Esta pluralidade é un dos seus atractivos, como explicou na presentación que tivo lugar esta mañá, na antiga curtiduría do barrio de Santa Isabel, en Compostela, a artista Maria Chenut, unha das organizadoras do proxecto, xunta Reina D'Hoore e Teófila Noemí Martínez Ruíz. Tamén estaban a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Martínez, o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Fernández Iglesias, Carina Fernández, da Biblioteca Pública Ánxel Casal, o profesor de Historia da Arte na USC Miguel Anxo Rodríguez Fernández, e o artista Iván Andrés. As xornadas de portas abertas, cos talleres abertos, serán as fins de semana do 6 e 7 e do 13 e 14 de xuño, de 17.00 a 22.00. 55 artistas participan neste proxecto, que ten como obxectivo principal que a cidadanía sinta a proximidade do ou da artista e coñeza o proceso de traballo. Nesta edición auméntase a prticipación do público a través de varios obradoiros, e, como explicou Chenut, desenvolverase toda unha programación complementaria, que abrangue dende danza até proxeccións multimedia. As galerías de arte participantes contribúen cunha serie de performances, e haberá tamén varias exposicións colectivas. Entre outras, unha de moda na Escola de Deseño Mestre Mateo, e outra no COAG. Este ano, amais, por primeira vez, a organización do roteiro constituíuse como asociación (LCA, Laboratorio de Colaboración Artística), coa finalidade non só de organizar o roteiro, senón tamén de manter actividade regular ao longo do ano. Reina D'Hoore, pola súa banda, agradeceu o apoio das Concellarías de Promoción Económica e de Participación Cidadá compostelás, da Deputación Provincial da Coruña (patrocinadora), Turgalicia, o COAG, a Fundación Eugenio Granell, o Espazo Serigráfico do Paraná, Turismo de Santiago de Compostela, a Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta, e o apoio do Instituto Europeo Campus Stellae, a Rede de Bibliotecas de Galicia, Litonor, Bricogalicia, o Mercado de Abastos, o Dezaseis, TV Media, Dinahosting, e os colectivos artísticos Baleiro e Liba, das Facultades de Filosofía na USC e de Belas Artes en Pontevedra, respectivamente. Obradoiros, frechazos e reflexión para os tempos de crise D'Hoore explicou tamén que haberá varios obradoiros: un de estarcido, batik e estampado sobre tea a cargo de Tita Fraga; outro de iniciación ao debuxo, co título "Ollo vago", impartido pola pintora María Meijide; outro terapéutico de Arte e Saúde, a cargo de Lorena Guinea; outro de faroliños para os máis pequechos, por Mirari Urruzola; o taller experimental Lueiro, de iniciación ao gravado e novas tecnoloxías, a cargo de 12 lúas; outro de mail-art, ou arte postal, por Manuel Bonabal; e por último, un de presenza escénica e potenciación da creatividade, impartido por Liana Vella e Barbarakay Cisterna Mai. Unha vez máis e logo do éxito obtido na pasada edición, reeditarase a Operación Frechazo, convite para que o publico poida valorar con puntos-corazóns nunhas 'amorosas postais, a obra dos artistas visitados, e cuxo premio consiste na xestión dunha exposición individual ao ou á artista que máis "corazonadas" reciba, e unha colectiva aos restantes catro finalistas para o 2010. "Agardamos que en Madrid, pero, se a crise non o permite, farémola no COAG", explicou D'Hoore. Teófila Ruiz, pola súa banda, salientou o interese do roteiro ao posibilitar que "sobresaian, nun plano de igualdade, creadores de distintas xeracións e estéticas". O proxecto fai de Compostela "máis polis, e menos urbe". Tamén sinalou que a creación da asociación servirá como punto de partida para estabelecer contactos e convenios, e manter actividade regular durante o ano. Amais dos convenios cos colectivos Baleiro e Liba, comezaron os contactos con Bruxelas. O profesor de Historia da Arte na USC Miguel Anxo Rodríguez González presentou "Roteiro en Estado Crítico", unas xornadas en que artistas e outras persoas implicadas na produción e difusión da cultura reuniranse para reflexionar e debater sobre as posibilidades do traballo creativo na sociedade actual en tempos de crise.
María Chenut, Reina D'Hoore e Teófila Noemí Martínez Ruíz, organizadoras do Roteiro, xunta a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez.
Descargar Tarifas