PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
ENTREVISTA AO CREADOR DE CHUZA
Berto Yáñez: 'Unha web só por ser en galego atrae unha determinada audiencia'

Manuel Vilas Berto Yáñez é unha das figuras clave da internet en Galiza. Fundador dos recordados 'Aduaneiros Sem Fronteiras', agora coida case en exclusiva doutras das súas populares criaturas, 'Chuza', o portal galego de novas enviadas polos internautas. Leva máis dous anos no asunto, tempo no que descubiriu os perigos de ter éxito na rede.

Reloxo 12.05.2008 | 07:18

O creador de Chuza, Berto Yañez, co seu boneco Domo Kun O creador de Chuza, Berto Yañez, co seu boneco Domo Kun

Por que naceu Chuza? É dicir, como se lle ocorreu crealo?

Naceu a comezos de 2006, daquela eu participaba na rede co blog dos Aduaneiros e algún outro proxecto. Ademais era usuario de Digg, a primeira rede social de valoración de novas. Parecíame xenial e pensei facer un sistema parecido que funcionase en galego. Daquela só había blogues, algún medio electrónico e pouco máis. Parecía necesaria unha ferramenta que puidese darlle soporte a ese crecemento de contidos.

Meneame.net, o Digg castelán, tamén serviu de inspiración ...

A finais de 2005 vin que Ricardo Galli estaba desenvolvendo en Mallorca ese portal, un clon de Digg pero con licenza libre. Usando a maxima de "se algo está programado non tes que programalo de novo" collín o software orixinal de Menéame para facer un derivado á galega. Mes e medio despois probaba Chuza cun grupo reducido de usuarios.

E como lle vai a Chuza de audiencia?

As visitas, dispoñíbeis en liña, medran dende o comezo e hai tempadas nas que aumentan moito, como por exemplo os incendios de 2006 ou as eleccións. Agora anda preto das 10.000 visitas e nas 20.000 páxinas vistas.

Como dixo, Chuza basease no código de Meneame.net e é alimentada de xeito 'automático' polos internautas. Daquela que fai realmente Berto? Cantas horas de traballo ao día lle consume?

Ademais de enviar noticiñas e comentarios regularmente, mantéñoo funcionando, o que ás veces dáseme mellor e outras peor. Tamén desenvolvo novas funcionalidades cada certo tempo e dou a cara se hai algún problema. O tempo depende, hai dias que só miro estatísticas e estado do servidor e outros días, cando saltan as alarmas, paso todo o dia furando.

Na maioría dos medios electrónicos os usuarios que comentan as noticias son unha minoría moi pequena de lectores; pero forman unha comunidade moi activa, eles son os que fan a gran maioría dos comentarios. Sucede isto tamén en Chuza?
Fálase na rede da teoría do 1 por cento: só o 1 por cento dos usuarios que pasan por unha web envían contidos (comentarios, novas, etc.) Chuza ten perto de 3.000 usuarios, pero realmente cada día os que votan, comentan ou envían novas andan polos 200 usuarios. Iso é un 2 por cento dos usuarios únicos, polo que si, máis ou menos cúmprese esa regra.

No portal é evidente que teñen máis éxito as novas relacionadas coa lingua e aquelas que defenden unha perspectiva política nacionalista, idea que electoralmente é minoritaria no país. Algunha hipótese de porque entre os 'chuzeiros' manda esta ideoloxía?

Xa cavilei sobre iso algunha vez. Chuza naceu cunhas 30 novas enviadas nas semanas de proba e todas eran curiosidades, 'rollos' tecnolóxicos, etc... Non se notaba moito contido político, o único común era que todas estaban enviadas en galego, ao igual que a interface de Chuza. Por iso creo que o idioma foi o único condicionante para ese tipo de novas máis abundantes agora. A situación do galego non é moi boa e unha das consecuencias de ese estado lamentábel e cheo de confrontacións e que tamén na rede o uso dun idioma ou outro condiciona a audiencia e, polo tanto, os contidos dunha páxina aberta tipo Chuza.

Falando da súa faceta como humorista gráfico, Os Aduaneiros sem Fronteiras xubiláronse, Ber.to leva meses sen actualizar. Crise creativa ou acumúlaselle o choio?

Eu sempre dixen que a actualización está sobrevalorada (risos). En serio, creo que os proxectos que son "por amor á arte" na internet poden ter momentos de latencia e outros nos que se publica acotíoo, todo depende do tempo dispoñíbel...

Tras o conflito con Iolanda Castaño, ve posíbel facer humor gráfico realmente mordaz na rede galega? Quero dicir, sen recorrer ao anonimato

Debería poderse, pero despois diso e dos máis de dous anos que levo con Chuza fun descubrindo que a xente ten moita facilidade por usar as ameazas e presións á mínima... Creo que se debería facer máis uso do "dereito á replica" e menos das presións de todo tipo... sobre todo nun medio onde a información corre en todas direccións como é a rede.

Pero vostede dáse conta que Chuza é unha das páxinas informativas galegas máis vistas e que, polo tanto, ten certo impacto na opinión pública. Creoulle isto algún problema? Refírome ao feito que vostede non controla que noticias son publicadas, sexan certas ou non, cando Chuza ten uns anunciantes, como calquera periódico dixital...

Chuza baséase nun filtro social que até agora funcionou bastante ben. Con todo, é vulnerábel a grupos de usuarios coordinados que poden inflar certas novas en base aos seus intereses. É algo co que temos que contar, Chuza non é un xardín idílico cunha estatua da xustiza no medio, é un reflexo dos intereses dos usuarios máis activos. O filtro social funcionou bastante, aínda que non a gusto de todos durante estes anos...

Tivo que borrar algún contido?

Neste tempo tan só se eliminou un comentario por non entrar dentro das condicións de uso. Tamén só se borrou unha nova por ese motivo. Houbo queixas variadas pero nunca chegou realmente o sangue ao río... As únicas novas realmente falsas só se coaron na portada o día dos inocentes ou o primeiro de abril. As que se envían con intención clara de facer dano son descartadas ou nunca chegan a nada.

A Xunta acaba de presentar o balance dun ano do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). Como unha das persoas máis involucradas na creación de contidos na rede galega, veu algún cambio neste tempo?

Si, é evidente que os contidos creados na rede galega, os proxectos novos e en xeral o número de persoas que os visitan aumentou considerabelmente estes últimos anos. En xeral, miro de forma bastante positiva este avance e as miñas previsións persoais tamén son de crecemento, pero haberá que velo ...

En que anda a traballar neste intre? Algo novo en Chuza ou en Ber.to?

Estou traballando nun par de novidades no Chuza, unha delas o necesario redeseño. Non podo dar datas. Ademais, Chuza, como 'fork' de Menéame, está baixo a mesma licenza libre. Parte do meu traballo é manter o código e mandarlle comentarios ao autor orixinal, con quen sempre houbo unha boa comunicación. Outra das cousas que vou ter que facer este ano é definitivamente cambiar os dous servidores de Chuza por un servidor único máis grande. Como diría a miña avoa, un “que teña para as medras".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil