A. C. . Sete persoas perderon a vida, desde o ano 2000, por accidente de caza, o que converte este deporte no máis perigoso, ademais de ser o segundo con máis licenzas despois do fútbol
As causas da alta taxa de sinistros son case sempre as mesmas: confusión cun xabarín ou calquera outra peza de caza, un cazador que se move do posto en cacerías, disparar preto das casas violando o regulamento que impide cazar a unha determinada distancia. A cifra de accidentes medrou espectacularmente nos últimos oito anos debido ao aumento das licenzas, ao que se uniu unha maior preferencia por parte dos afeccionados a este deporte. Así mesmo, diminuíu de xeito considerábel a fauna tradicional. A perdiz é unha especie protexida cada vez máis escasa, o coello e as arceas tamén comezan a faltar. Iso fai que a caza menor sexa unha especialidade cada vez con menos adeptos. A ela só se dedican os cazadores tradicionais, case todos maiores de sesenta anos. Do mesmo xeito, as armas utilizadas nas cacerías son cada vez máis sofisticadas, todas elas con repetidores de munición, ao que se une a súa contundencia e precisión. Son rifles preparados para abater animais de grandes dimensións, polo que é moi fácil dar en calquera branco. A súa capacidade para matar é moi superior a dunha pistola de nove milímetros e incluso á dun fusil dos que utiliza o exército. Moitas veces son utilizadas por simples afeccionados ao monte, sen demasiada experiencia, só deben superar un test psicotécnico semellante ao que se lles fai a moitos condutores de utilitarios. A Federación Galega de Caza, a través da súa páxina web, aconsella “extremar as precaucións, respectando ademais as normas de seguridade establecidas na lexislación, moi especialmente as do xefe de cuadrilla”. Este organismo xunto coa Consellaría de Medio Ambiente puxo en marcha un ano máis a campaña “Caza seguro para cazar ben”. Cabe preguntarse se estas campañas teñen os efectos desexados. O movemento dun cazador no seu posto foi causa en distintas ocasións dunha morte accidental. Así, en novembro de 2001 falecía un home de 34 anos en Baamonde, cando se encontraba coa súa arma detrás dunhas matogueiras. De semellantes características foi outro sinistro ocorrido na Legua dereita, tamén na Terra Chá luguesa dous meses escasamente despois. A última vítima tamén tivo coma escenario a provincia de Lugo. As causas, semellantes ás anteriores. Non embargante, as mortes non se reducen aos espazos adicados ás cacerías. Algún dos falecidos nin sequera era cazador, coma ocorreu no suceso na parroquia de Lanzós, en Vilalba, onde un sesaxenario perdeu a vida cando estaba a pasear e recibiu un impacto de bala que o matou de xeito case instantáneo. Nalgunhas zonas de Galicia, en épocas de caza, escoitase constantemente o rebulir dos disparos. Os animais que poden ser abatidos, tales coma xabaríns ou corzos, descoñecen por lóxica cal é o espazo “reservado” para eles, polo que é frecuente que anden xunta das casas en barrios rurais, principalmente en terreos de cultivo na busca de alimento. Neses lugares téñense atopado cascos de proxectís, o que vén demostrar que non sempre se cumpren os regulamentos de caza. Ademais, nas zonas rurais os veciños quéixanse da “excesiva repoboación” que se fixo dalgúns animais, proliferando os porcos bravos, que estragan grandes superficies de millo e corzos, cérvidos que comen a casca das árbores pequenas provocando a súa desaparición. Un membro da Sociedade de Caza de Curtis sinala que “non todos os cazadores están habilitados persoalmente para cazar”. Sinala tamén que non “é suficiente cun psicotécnico e que habería que revisar o tipo de armas que se utilizan”.
Armas de caza
Cazar seguro
Descargar Tarifas