PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Con Alberto Conde á fronte
Atlantic Brigde, jazz galego de factura americana

Mar Barros Os músicos galegos Alberto Conde, Roberto Somoza, Kin García e Miguel Cabana e os estadounidenses Steve Brown e Walter White artellan o proxecto musical Atlantic Bridge

Reloxo 07.02.2010 | 08:42

Alberto Conde, segundo pola esquerda, cos integrantes de Atlantic Bridge Alberto Conde, segundo pola esquerda, cos integrantes de Atlantic Bridge

M.B.

Alberto Conde, Roberto Somoza, Kin García e Miguel Cabanas compoñen a achega galega do proxecto Atlantic Bridge, unha experiencia musical que procura tender pontes entre o jazz ibérico e o americano. Steve Brown e Walter White representan os piares estadounidense deste sexteto nacido en 2008 tras o reencontro de Alberto Conde co recoñecido guitarrista norteamericano, durante a xira que Brown estaba a realizar no vello continente. O resultado dese novo achegamento musical vén de materializarse no disco Atlantic Bridge, editado por Karonte e gravado o pasado ano nos estudios Pyramid Sounds, en Ithaca College, despois dunha longa serie de master class e concertos en Estados Unidos.

Os temas Lobo, de Kin García, e Esencia, de Alberto Conde sobre unha melodía renacentista, xa publicados en anteriores discos, e Blues para o mar, elaborada por Steve Brown, serviron de base para un repertorio que se completou con novas composicións nas que o fío condutor é, en palabras do pianista Alberto Conde, “a base harmónica da música de orixe europea”.

O traballo foi masterizado en Nashville baixo a supervisión de Steve Brown e Walter White, o que ao ver de Alberto Conde lle conferiu ao disco un “son americano pero de raíz galega”. Entre o repertorio destaca ademais o tema que lle dá nome ao disco, que leva ao eido do jazz unha melodía de Xosé Manuel Budiño, na que no faltan os ritmos flamencos.

Os concertos en Norte América, previos á gravación, foron ben acollidos por público e crítica, ao ver do pianista galego por conseguir fusionar “sen que se aprecien as costuras” dúas culturas musicais completamente diferentes. “Deixaron de escoitarse os patróns clásicos de bebop, hard bop e de swing ao uso”, explica. “Aínda que tamén se perciben en Atlantic Bridge, todos eses elementos están peneirados de tal xeito que compoñen unha performance sonora variada na que tampouco falta a música clásica, o rock sinfónico, os sons brasileiros e o flamenco”.

 

Sen o risco da vangarda

Con este novo traballo, Alberto Conde distánciase da liña iniciada na década dos noventa de investigación nas posibilidades do jazz sobre unha base de folk, o que el denomina “etnojazz con raíz galega”, que frutificou nos discos Andaina e Entre mares. Atlantic Bridge non persegue o risco da vangarda, artéllase con temas, como sinala o pianista, “cunha forma clásica dentro das posibilidades do jazz”. Para Conde este traballo, que cualifica “de madurez”, supón “un antes e un despois” dentro da súa traxectoria. Sinala ademais que non se trata dunha colaboración esporádica senón que prevé continuidade. A partir do verán iniciarase unha xira de concertos de presentación polo país que xa conta con datas en Vigo e A Coruña.

A publicación do novo disco coincide co trinta aniversario dunha das mellores décadas que viviu o jazz peninsular o pasado século. Social e mediaticamente o xénero espertou nos oitenta moito interese. Naquel entón, como analiza Alberto Conde, comezou a despuntar como música improvisatoria con grandes posibilidades para a creación. Malia todo, o “boom das gaitas” vivido nos noventa provocou unha caída xeneralizada do jazz en Galiza. Músicos e produtores víronse na obriga de reorientar os seus obxectivos e de iniciar novas vías de investigación.

 

Saber máis

www.albertoconde.com

Sen etiquetas

Para Alberto Conde, na actualidade o jazz conseguiu desprenderse da etiqueta de música para minorías e acadou a aceptación dun público máis amplo que ve o xénero como unha música “normal” apta para publicidade, cine, festivais ou espectáculos ao vivo, sempre que teña calidade. “A pesar de que estamos a atravesar unha crise económica percíbese que a xente responde ao jazz”, comenta. Conde, director artístico do festival Iberojazz, sinala ademais que detecta que cada ano é maior o número de público que acode aos espectáculos programados.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río