Redacción . As universidades galegas producen o 76 por cento do total das publicacións científicas do país. Entre o 2002 e o 2006, as tres institucións académicas superaron as 9.000 publicacións en revistas de elite investigadora.
Son datos do informe 'Evolución da produción científica do Sistema Universitario de Galicia nas bases de datos ISI 2002-2006', elaborado polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia). O traballo sinala que no período 2002-2006 a produción científica en Galiza alcanzou a cifra total de 11.818 documentos publicados, cantidade que agrupa, ademais das levada a cabo nas universidades, as do sistema sanitario, dos centros asociados ao CSIC, dos organismos públicos de investigación, da empresa privada, da Administración e doutros centros de investigación. O informe indica, ademais, que a produción científica por documentos publicados representa o 6,7 por cento de todo o Estado, que neste período chegou a editar 175.221 documentos nas revistas das bases de datos de Thompson-ISI, instituto de información científica especializada na análise de citación ou factor de impacto de miles de revistas de todo o mundo. USC, á cabeza A Universidade de Santiago (USC) encabeza a lista por número de documentos, con 5.383 dos 9.044 publicados; seguida da Universidade de Vigo, con 2.954; e da Universidade da Coruña, con 1.380. Deste xeito, no período 2002-2006 a produción científica global das tres universidades galegas amosa unha curva ascendente ano tras ano, cun "pequeno descenso", de só nove documentos, en 2004 con respecto ao anterior. No exercicio 2002, o conxunto de todo o Sistema Universitario de Galicia proporcionou 1.618 publicacións, que no ano 2003 xa foron 1.793, en 2004 baixou a 1.784, e en 2005 volveu alcanzou as 1.850, mentres que se pechou 2006 con 1.999. Por universidades, destacan dúas excepcións. Este é o caso da USC, cando a cifra de documentos publicados dos anos 2004 e 2005, con 1.048 e 1.070 documentos, respectivamente, foi inferior á cifra de 2003, no que se contabilizaron 1.110 publicacións. Tamén é o caso de A Coruña, que nos anos 2004 e 2005 foron de menor produción que o exercicio 2003, aínda que as diferenzas, segundo subliña o informe, son "máis atenuadas" que na Universidade de Santiago. Por iso, o ano máis prolífico do período de estudo foi o exercicio 2006, cando, en conxunto, as tres universidades publicaron un total de 1.999 documentos, dos cales 1.145 corresponderon á USC, 686 a Vigo e 298 á UDC.
Laboratorio de Investigación.
Nese período de cinco anos, as áreas nas que máis se publicou no SUG foron as de Química, con 2.723 documentos; Medicina, 1.951; Bioloxía Molecular e Xenética, 2.723; Física e Ciencias do Espazo, con 1.232; e Bioloxía Vexetal e Animal, Ecoloxía, con 1.018.
Pola contra, en campos como o Dereito, con 16 documentos publicados; Historia da Arte, con 41; ou a Enxeñaría Mecánica, Naval e Aeronáutica, con 106, destacan como as materias que xeran un menor número de documentos científicos.
Por universidades, na USC os campos que maior número de documentos atraen son a Química (1.528); Medicina (1.259); Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (825); e Física e Ciencias do Espazo (798). Na Coruña despunta Química, con 391 documentos; Ciencias da Computación e da Tecnoloxía Informática (237); de Medicina (194); de Geociencias (165); e da Bioloxía Molecular (156).
A Universidade de Vigo, pola súa banda, publica en maior cantidade documentos adscritos á área de Química, con 804; seguida de Medicina, con 498; Geociencias, con 406; Bioloxía Vexetal e Animal e Ecoloxía, con 394; e en último lugar Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, con 341 documentos.
Descargar Tarifas