Redacción . A Feira das Artes Escénicas, que se celebrará en Santiago de Compostela do 19 ao 23 de outubro, ademais de recoller un cartel artístico que exhibirá as últimas propostas de 20 compañías galegas de teatro e danza, celebrará dous debates sobre a actualidade escénica. As estratexias de comunicación dos espectáculos e a programación de novas tendencias son o tema de fondo de ambas conferencias.
Estas dúas mesas redondas forman parte do programa de actividades paralelas desta nova edición da Feira das Artes Escénicas, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A mesa redonda 'Estratexias de comunicación de espectáculos. Accións concretas, éxitos e fracasos nos medios informativos', que se celebrará o 20 de outubro no Auditorio de Galicia, contará con intervención de Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Miguel Piñeiro, director da produtora publicitaria Atlantis Multimedia; José Matos Silva, a Área de Comunicación do Teatro Nacional São João do Porto (Portugal); e Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega. 'Cara ás novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais', é o título da segunda mesa redonda que terá lugar no mesmo emprazamento o día 21. Neste debate participarán Mateo Feijóo, director do Teatro de La Laboral de Xixón; Lola Correa, directora artística do festival ALT de Vigo; e Pepe Vélez, director artístico de Teatros de Cádiz. Ademais destes debates a programación da Feira das Artes Escénicas compleméntase con catro showcases de danza, pezas breves coas que se achegará aos 130 programadores asistentes unha mostra do traballo que realizan artistas de compañías galegas emerxentes da escena coreográfica galega: La Macana con 'Shure PG48'; Pisando Ovos, con 'Tres'; Neodáns, con 'Nozomi'; e Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez, de Entremáns, con 'A medio metro de lo vivido'. A primeira destas actuacións celebrarase o día 19 no Auditorio de Galicia e as tres restantes do 20 ao 22 de outubro no adro da ARTeria Noroeste. 20 compañías Como vén sendo habitual a Feira das Artes Escénicas exhibirá as últimas montaxes de 20 compañías galegas de teatro e danza en cinco espazos de Santiago de Compostela: Auditorio de Galicia, ARTeria Noroeste, Sala Nasa, Salon Teatro e o Teatro Principal. A organización ten confirmada a asistencia de 130 programadores, distribuidores e produtores do sector escénico procedentes de diferentes puntos da Península.
Un intre dun espectáculo de danza
Descargar Tarifas