Redacción . Un grupo de igrexas pentecostais de Suíza e diversas organizacións deportivas aproveitarán a celebración da Eurocopa 2008 en terras helvéticas para realizaren diversas iniciativas que aumenten as visitas aos templos.
Fútbol na rúa, folletos e até emisións de partidos en pantalla xigante forman parte da iniciativa Kickoff-08 'Patada inicial para a fe', que organiza a Alianza Evanxélica Suíza. Tamén se regalará a 'Soccer-Bibel', unha versión "futbolística" da Biblia que contén o Evanxello segundo Lucas. Ao tempo distribuirase o libro 'Deus Fútbol', publicado no 2006, que contén testemuños relixiosos de futbolistas de elite caso de Zé Roberto, Lúcio ou Bordon.
Esta iniciativa xa se realizou en Alemaña no 2006 no mundial de Alemaña. Daquela, 20.000 misioneiros colaboraron coa organización. Nesta ocasión, o obxectivo é que participen nestes actos relixiosos 200.000 persoas durante a Eurocopa.
Fe e fútbol teñen moitas coincidencias. O grupo 'Atletas de Cristo' ten grande influencia no fútbol brasileiro. Os seus adeptos locen camisetas de 'Xesús ámate' cando marcan gol ou ao gañaren un título.
O seleccionador portugués, o brasileiro Luís Felipe Scolari, declarouse devoto da Virxe de Caravaggio e o español, Luis Aragonés, prometeu facer o Camiño de Santiago se o seu equipo gaña o título continental.