PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Conflitos internacionais
As guerras fanse por petróleo... E que?

Fernando Pérez-Barreiro Nolla Para moitos, afirmar que a orixe dun conflito é o control do cru, é coma unha especie de esconxuro que o libera de pensar cal é o modelo de desenvolvemento que posuímos e o papel da enerxía nel.

Reloxo 04.07.2009 | 09:48
TAGS: Guerra , petroleo ,

Soldados xeorxianos descansan nunha gasolineira na cidade de Tskhinvali, durante a guerra con Rusia de agosto do 2008.	Soldados xeorxianos descansan nunha gasolineira na cidade de Tskhinvali, durante a guerra con Rusia de agosto do 2008. . David Mdzinarishvili / REUTERS

Fernando Pérez-Barreiro é analista do IGADI (www.igadi.org)

Convén por veces parar no medio da vertixe dos acontecementos e do carrusel da diplomacia e guarismar nos tópicos aos que imos como se fosen explicativos e fóra de dúbida.  En cuestións de guerras e conflitos armados, nas que a patoloxía social está tan descoidada cando tanta falta faría. Sorprende que se faga tanto estudo da paz e tan pouco das raigañas do conflito. Repítese isto ao falar de guerras recentes, como se se tratase dunha descoberta reveladora, algo así como as intuicións darwinianas ou freudianas: que toda a culpa vén de querer o control do petróleo.  Que, por baixo dos motivos que se achegan para xustificar o uso das armas, está o cru.

Trátase de deslexitimar o recurso ás armas se se revela que, en realidade, todo é polo petróleo.  A ética da guerra nunca estivo clara. Un fenómeno que acompaña a historia humana, antes do amor, se non antes da sexualidade, vai recollendo interpretacións e pseudoxustificacións segundo a moda dos tempos ou a historia das ideas, se queremos darlle máis nobreza terminolóxica. A literatura occidental comeza cunha historia de guerra sen aforro de sangue. E a reflexión moral non avanzou moito. Todo o máis, formulouse no cristianismo a cuestión da guerra xusta, admitindo que guerras ten que haber.

Queda de todo iso unha especie de xerarquía das invocacións que se fan para mobilizar o pobo, ou máis ben a xuventude, aínda que nos tempos da guerra total o risco se xeneralice.  Chámase ás armas para defender a patria, ou as fronteiras, ou a civilización. En tempos máis recentes, invócase a defensa da democracia, ou a do Islam ameazado, por citar dúas que teñen vixencia ben actual. Calquera desas invocacións ennobrece. E para desacreditar idealismos dise, por exemplo, que non hai tales ideais, que “todo é polo petróleo”.

A hipocrisía enerxética

E por qué non había de ser? Esa frase pódese dicir ao volante dun automóbil ou no confort dunha viaxe aérea. O petróleo que fai posíbeis esas comodidades, non xustificará que outros morran por conseguilo? ¿Non haberá aí tanta hipocrisía como a que leva a ocultar o motivo económico con proclamas idealistas?

Enguedéllase o tema có angulo ecolóxico. Cando queremos substituír o petróleo por outras fontes de enerxía, xúntase á preocupación ética un tema xeopolítico, que é o da independencia enerxética. Se o petróleo non está nas mans de quen sexa do noso agrado, mellor sería non depender del. Pero cando pensamos así, esquecemos que o petróleo é o motor do desenvolvemento de moitos países que resulta que non foron os vectores da nosa modernidade.  Que os ingresos procedentes  do petróleo se usen “mal”, como nos reximes autocráticos, ou “ben” como nos populistas, non é o fundamental. Cómpre preguntar se de verdade queremos deixar desprovistas de recursos e dependentes de novo da nosa boa vontade esas partes do mundo polas que as nosas democracias occidentais tanto gostan de verter bágoas de crocodilo.

É ben difícil saber o que queremos e distinguilo de que queremos querer.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río