Xurxo González . O 22 de marzo finalizou o período de exposición en Ourense de 'Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia'. A mostra conta con importantes pezas arqueolóxicas, pero non está asegurado que se cumpla o itinerario previsto polo resto das cidades galegas. A causa das dúbidas xorde, para Anselmo López Carreira (Vigo, 1951), comisario científico da mostra, do cambio de goberno e da perspectiva coa que se explica o pasado medieval.
Canto interese suscitou a exposición en ámbitos académicos? Non coñecemos reaccións explícitas salvo da propia facultade de Ourense. Unha profesora titular do departamento de Historia Medieval asistiu co alumnado en máis dunha ocasión. A exposición resume unha perspectiva historiográfica sobre Galicia que non é das máis estendidas… Non é a que acostuma guiar os enfoques sobre a historia do país: trátase de Galicia vista desde Galicia. A Idade Media, desde que existe unha visión contemporánea, sempre se ten enfocado no marco da historia oficial de España. Desde esa perspectiva o noso reino medieval non aparece, porque o paradigma estabelecido e imposto refírese a Castela, León e Asturias. Óbviase o protagonista daquela época no occidente peninsular. Non descubrimos grandes cousas desde o punto de vista das fontes, que estaban aí, senón que as miramos máis obxectivamente. Canto queda por estudar da historia da Idade Media galega? Podemos dicir que todo, porque en cada época os enfoques ou as preguntas que se fan son diferentes. Non quere dicir que vaia cambiar o que aconteceu no pasado, a historia non é opinábel. O que cambian son as nosas preguntas, os intereses son diferentes, por iso a historia, e tamén a medieval, non vai deixar de escribirse. Hai elementos suficientes (arqueolóxicos, documentais…) para procurar novos enfoques, e coñécense desde hai bastante tempo. Xa no século XIX Murguía, Vicetto ou López Ferreiro eran capaces de visionar a historia de Galicia desde o propio país. A innovación en canto a fontes non é grande desde aqueles. O volume documental ampliouse, pero o esencial xa se coñecía. Desde os anos setenta e oitenta editáronse moitos textos que non eran de fácil acceso. Entón non quedan moitas fontes por descubrir? As fontes coñécense. O problema radicaba en que os fondos e a documentación monástica e catredalicia, que é inxente, non estaba editada. Non obstante, os investigadores podían acceder aos arquivos. E arqueolóxicos? Juan Carlos Rivas Fernández, historiador ourensán, afirma que vén de descubrir unha torre medieval mutilada e empregada como adega preto de Maside… Descubrimentos arqueolóxicos vai seguir habendo. É moi importante o da Rocha, dirixido por Acuña Castroviejo, do cal se poden ver na exposición algunhas armas. Non obstante, gran parte deles estaban descubertos xa a finais do século XIX. Agora o que se está facendo é divulgar. Tamén cambian os temas e a metodoloxía. Antes facíase unha historia política, institucional ou da nobreza. Agora, pola contra, trátanse novos ámbitos, como por exemplo a participación da muller na historia. O cerne da nosa investigación é tomar Galicia como o referente político e xeográfico. Outra opción é a concepción actual da historia de España, profundamente ideolóxica, na que Galicia tería un papel marxinal. Nós queremos mostrar dúas cousas: unha é tan sinxela como sinalar que o Reino de Galicia existiu. A outra, que tivo momentos punteiros no político e no cultural. Pero a súa visión da historia de Galicia tamén é ideolóxica… Toda actividade humana ten unha perspectiva ideolóxica, pero hai que estabelecer límites. As hipóteses, que teñen unha gran carga ideolóxica, deben ser postas no seu sitio cando as fontes revelan a realidade histórica, non se poden manipular. Escoller o marco da historia ten carga ideolóxica, pero máis alá non se pode ir. Por exemplo, elixir entre facer unha historia da nobreza ou das clases populares está influído pola ideoloxía. Pero cando se descubre que o movemento Irmandiño, por poñer un exemplo, non é un movemento de labregos, por moi a favor dos labregos que eu estea, non podo obviar que estivo dirixido pola burguesía das cidades. Nas facultades de Historia do país non seguen a perspectiva historiográfica da exposición. A que se debe? Moitos dos presupostos da historiografía tradicional como a reconquista ou a repoboación están xa postos en cuestión, pero non se asume unha perspectiva máis innovadora porque hai unhas inercias que a propia estrutura universitaria fomenta e mantén. En lugares onde existe unha tradición historiográfica dilatada, como Catalunya, é distinto, pero a historiografía galega foi sempre feble, de ton menor. Os equipos de investigación están tecidos por distintas facultades españolas que seguen unha liña moi tradicional.
Anselmo López Carreira, historiador
Descargar Tarifas