Redacción . Industria destaca o avance dos programas abertos e da tecnoloxías de información nas empresas de máis de dez empregados, malia que admite que as firmas máis pequenas 'presentan maiores dificultades.
Mecánico usando un portátil. ASMsystems
A adopción do software libre por parte das empresas, unha das grandes apostas da Consellería de Industria nesta lexislatura, comeza a dar froitos. Así os últimos datos do INE mostran que Galiza está a adiantar ao resto do Estado na adopción deste tipo de programas libres.
Positivo para a difusión do galego
Un 8,2% das empresas galegas de 10 e máis empregados emprega o sistema operativo LINUX, fronte ao 7,8% a media estatal. Este mesmo indicador experimenta un crecemento interanual do 14%.
Cómpre lembrar que os programas abertos facilitan o lanzamento de versións en galegos, pois calquera pode colaborar na súa tradución, copia e mellora.
Uso das TIC nas compañías
A Xunta esforzase nun comunicado por dar unha interpretación positiva dos últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre uso das TIC e Comercio Electrónico nas empresas no ano 2007/2008
Así, Industria destaca a “alta implantación das tecnoloxías da información e da comunicación nas empresas galegas de 10 e máis empregados”. Con todo recoñece que “son as microempresas as que presentan as maiores dificultades para a incorporarse á sociedade da información”.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis empregados de Galiza dispoñen de ordenador (97,8%), internet (93,4%) e correo electrónico (91,9%). Porén, hai un 45% das empresas deste segmento que non dispón de páxina web.
A Xunta subliña tamén a evolución positiva experimentada pola tecnoloxía de banda larga nas empresas galega. O 93,7% das empresas galegas con conexión á internet, acceden mediante algunha solución de banda larga. Entre estas empresas, a tecnoloxía máis empregada é ADSL (87,1%). Un 14% das empresas emprega outras conexións fixas de banda larga (cable, LMDS,...), 6 puntos máis que o conxunto do Estado.
Os últimos resultados tamén evidencian un incremento das TIC en todos os procesos produtivos e de negocio das empresas. Unha de cada catro empresas galegas (24,4%) xa dispón de ferramentas informáticas para a planificación de recursos empresariais (ERP). Un 20,4% destas empresas conta con aplicacións para a xestión de clientes (CRM).
Un 64,1% das empresas de Galiza aproveitan as vantaxes da administración electrónica. Esta cifra sitúa as empresas galegas en valores próximos á media do Estado (67,1%). Os usos máis frecuentes son os relacionados coa obtención de información, a descarga de impresos e formularios e o envío de impresos cumprimentados, explica a Xunta.
Descargar Tarifas