As empresas de consultoría viguesas GOC e DOSVALOR JH aspiran a alcanzar os 100 millóns de euros de facturación nos próximos tres anos e a superar os 1.000 empregados, despois de anunciar hoxe oficialmente o seu proceso de fusión.
Segundo explicou en rolda de prensa o presidente de GOC, Serafín Ocaña, o obxectivo da unión de ambas as dúas sinaturas, "non é a aglomeración de mercados, senón a complementariedade de sinerxías" na súa actividade, que é a consultoría técnica e os servizos integrados para a posta en marcha de negocios e o desenvolvemento de infraestruturas.
A fusión das dúas compañías permitirá ofrecer servizos dende a xeración dunha idea ata a construción e xestión dunha determinada infraestrutura. Ambas as dúas empresas teñen experiencia no deseño e construción de terminais de aeroporto, hospitais, centros de ocio, autoestradas e proxectos náutico deportivos.
Entre as dúas compañías suman actualmente 42 millóns de euros en facturación anual e uns 650 empregados, aínda que o plan de acción da nova empresa prevé superar os 1.000 traballadores e chegar aos 100 millóns de facturación en tres anos.
O obxectivo é aumentar a presenza no exterior
Unha das principais finalidades da operación é afianzar a presenza destas consultoras, que seguirán mantendo as dúas marcas comerciais con autonomía de xestión, no ámbito internacional, especialmente en Iberoamérica. De feito, xa están a participar na construción do maior hospital do mundo, en Qatar, e nunha planta desaladora en Arabia Saudí, así como outras iniciativas en Chile, México, China e Túnez.
O director de DOSVALOR, Juan Ramón Güell, recoñeceu que a fusión supón un "salto xigantesco" para estas dúas empresas, que levan facendo colaboracións e traballando xuntas dende hai dous anos. "É un salto de calidade moi importante porque permite completar os ciclos que ata agora só faciamos parcialmente", afirmou Güell.
Pola súa banda, tanto Güell como Ocaña recalcaron a importancia de que as empresas opten "por expandirse e non por esconderse" no actual contexto de crise económica. Nese sentido, explicaron que a nova sociedade "dará respostas globais ás empresas que perciben que o inimigo vén do exterior".