Redacción . O vicesecretario xeral de Política Autonómica do PP, Javier Arenas, erixiu hoxe o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, en ‘líder’ para afrontar ‘unha nova etapa’ en Galiza cuxo futuro é o ‘galeguismo constitucional’.
Javier Arenas
Na súa intervención na Escola de Verán organizada polo PP e FAES esta fin de semana en Sanxenxo, Javier Arenas considerou que, a pesar de estar na oposición, Núñez Feixóo "lidera a política en Galiza" porque "formou parte do goberno nos mellores momentos" para o país. Ao seu xuízo, o presidente dos populares galegos é "brillante, bo parlamentario e bo comunicador" e unha "garantía de futuro".
Arenas tamén puxo de manifesto a "sintonía" entre o PP estatal e galego, que "non parece apreciarse no PSOE", no que considerou que a representación da comunidade galega é "insignificante".
‘Galeguismo constitucional’ con futuro
Durante o seu discurso, outorgoulle ao bipartito da Xunta o "premio á rapidez" porque, ao seu xuízo, "ten mérito en só tres anos de Goberno "estar caendo nos tics de comportamento que teñen os socialistas en Andalucía, que levan 26 anos" no poder.
Neste sentido, defendeu o "andalucismo constitucionalista" do PP na comunidade autónoma do sur o que relacionou co "galeguismo constitucional", que "non debe confundirse co "nacionalismo insolidario". "O que ten futuro é o galeguismo constitucional", proclamou.
Diferenzas
"Por sorte, non todos os andaluces somos iguais, nin todos os galegos sodes iguais", proclamou o líder popular andaluz, quen asegurou que "basta con ver a Ana Pastor e a un socialista galego, por Xosé Blanco, ao que lle agradeceu que non opine das eleccións nos Estados Unidos. "Estaban moi preocupados pola súa opinión determinante", ironizou.
"Tampouco teño nada que ver con Magdalena Álvarez", advertiulle Arenas aos galegos, e recomendoulle á política socialista que trate "con respecto" e deixe de lado a súa "tirria e animadversión" cara a Galiza.