PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
'Os bicos de Tina', de Afonso Eiré
Aquela primeira vez, novela politicamente pouco correcta

Xosé Manuel Eyré Daniel e Tina viven un amor preadolescente nunha Galiza rural chea de preconceptos pero tamén de certas liberdades hoxe perdidas.

Reloxo 22.04.2009 | 20:20

Afonso Eiré Afonso Eiré. Paco Vilabarros

Os bicos de Tina

Autor: Afonso Eiré.

Edita: A Nosa Terra.

A narrativa de Afonso Eiré é sempre unha viaxe ao pasado con vistas a que o futuro non se escriba desde o ar, sen os pés no chan. Amigos sempre, Eu tamén fun coas vacas, O coxo de Vilarelle constitúen tentativas de volver aos anos da infancia e da mocidade, un mundo afectivo, certamente, mais tamén un contexto sociolóxico, que pasou mais que non morreu entanto que segue aí, formando parte de nós, e non por esquecelo propositadamente deixará de estar.

Se tendo en conta os tres primeiros títulos isto era ben asumíbel, logo de Os bicos de Tina xa se fai absolutamente imposíbel outra interpretación, despois de que Tina remate por poñer cabo a tantos anos de afastamento de Daniel, o seu primeiro amor de cando aínda case nin sabían como era o amor. Hai outra lectura, claro, sempre existe esa posibilidade, mais non é contraposta a esta lectura que nos di que Tina tamén renega do futuro lonxe das raíces, un futuro que só lle ofrece cartos e preeminencia social a cambio da renuncia.

E, como toda a narrativa de Afonso Eiré, esta nace de vivencias propias, de vivencias apañadas da súa contorna vivencial, da análise social, da textura e calor dos seus soños, da necesidade de deixar constancia como aviso e tamén como encontro. E é non só unha revisitación da infancia, anos que marcan fondamente ao ser humano, senón tamén a reivindicación dun modo de vida máis acorde ao ciclo natural, máis en comuñón coa natureza, que a opinión pública quixo manter como sinónimo de atraso porque nunca o soubo comprender nin se esforzou en valorar. Finalmente é, tamén, unha reivindicación da infancia, dunha infancia o suficientemente responsábel e libre como para poder equivocarse. Porque a infancia é territorio decisivo na aprendizaxe e a aprendizaxe para ser verdadeira debe conceder liberdade ao educando.

A novela de Afonso Eiré é desas que se din moi pouco correctas politicamente . Relatar a primeira experiencia sexual de quen aínda son dous nenos non é politicamente nada correcto. Mais non pretende escandalizar, quen se sinta escandalizado non ten máis que lela e pasará a defendela apaixonadamente. Desde o punto de vista formal achámonos fronte a un discurso dos cualificados como “de xornalista”, cualificativo que ten que ver co tipo de sintaxe predominante, tendente á máxima sinxeleza. E de doada lectura en canto a que a trama avanza a bo ritmo e interesa o lector desde o inicio, manexando moi ben o pregamento temporal. Que a inmensa maioría da novela sexa analéptica coadxuva a tensión nos dous planos e non só nun, o que se agradece moito e pecha o círculo convincentemente. Un aspecto que sempre chama a atención na escrita de Afonso Eiré é o vizoso léxico queemprega, un léxico que se especializa –falamos deste caso concreto mais cremos que se pode aplicar a toda a súa obra– tanto no eido da vida natural como no das actitudes da persoa.

Os bicos de Tina está posta na boca de dúas personaxes. Da Tina, emigrada á que economicamente lle foi ben, que retorna e reatopa a Daniel, uns anos menor ca ela, quen aviva o recordo da súa relación, o primeiro encontro sexual, o espertar ao amor. Esas lembranzas chegan a nós na boca e palabras dos protagonistas, lográndose unha grande actualización dese tempo pasado mediante un calculado e efectivo uso da temporalidade verbal. Salienta a gran capacidade do autor para poñerse na pel e pensamentos de dous raparigos, para construílos con habilidade e convincentemente, o cal demostra un gran coñecemento do tempo tratado e tamén da psicoloxía da xente, froito dun notábel esforzo por entendela, por asimilar desde a comprensión a súa maneira de actuar fronte á vida e a carón do mundo natural. Especialmente sorprende a gran riqueza coa que foi construída Tina, que no capítulo en que lembra a primeira experiencia carnal acada unha densidade de actualización desacostumada, fóra dos consabidos tópicos exaltadores do momento, habituais na literatura infantoxuvenil, que tamén reivindica o coñecemento natural dos corpos, moi diferente ao coñecemento virtual a que están condenados os rapaces e rapazas dos días da imaxe catódica.

Os bicos de Tina, creación posta ao servizo da recreación, tanto no senso lúdico como naquel que apunta a reconstrución verbal dun tempo e dunha sociedade dos primeiros sesenta do pasado século que fican na sepia (observadora, curiosa, inqueda, indagante) do retrato. Mais isto tamén pode ser dito ao revés. É dicir: Os bicos de Tina, a recreación posta ao servizo da creación, nesta caso da creación novelesca, que nos presenta unha trama e personaxes de grande tenrura e tamén capaces de levar ao esgazamento das vestiduras aos moralistas máis ancorados na norma rancia. Homenaxe a un tempo e un modo de vida. E tamén reivindicación e protesta porque aos rapaces e rapazas se lles permita ter os seus propios erros, como método e maneira de garantir futuros cidadáns capaces de formularse unha escolla e atreverse a elixir.l
 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río