Un celtista séntese ben en Ferrol. Á parte da gran cantidade de afeccionados ou simpatizantes que o Celta ten na propia cidade, a Malata encóntrase cómoda cando verdes e celestes comparten o campo. A bancada presentaba o 5 de abril un bo aspecto, moito mellor que de costume. E non o digo pola chegada dos 1.500 celtistas de fóra (e de dentro) senón porque a visita do equipo vigués tamén favoreceu que moitos racinguistas se achegasen ao campo.
O resultado, contra o que pensaron moitos xogadores do Celta, non foi o peor que vivimos os celtistas alá desprazados. O que máis nos doeu foi que só Rubén tivo a xentileza de ficar no campo, que só el se achegou á bancada e cedeu a súa camiseta. Que temían os demais? Onde estaban Roberto Lago ou Jonathan Vila?
Considero que o 2-1 foi excesivo para os méritos do Rácing pero non me preocupa en exceso a derrota. Se nos poñemos en plan xustos era algo que lles debiamos aos ferroláns, despois das derrotas do Celta fronte a rivais directos dos verdes por salvarse do descenso.
En cambio, penso que deberiamos tomar nota dalgunhas cousas que se están a facer en Ferrol e aprendermos da tenacidade dunha xunta directiva que ten moito mérito. Todos os celtistas teñen que admirar un club que se revela á lóxica e mantén unha loita titánica por conservar, con enormes sacrificios, xogar en categoría profesional.
Ferrol non ten infraestrutura para que o seu equipo de fútbol estea na segunda. Nin ten masa social nin unha elite próspera que use o fútbol como arma política. O presidente do club, Isidro Silveira, parece máis un visionario, un deses soñadores que acaban contaxiando todo o seu contorno a base de ilusión e moitas "trampas" para salvar a falta de recursos.
A confección do equipo este ano foi exemplar. Logrou a cesión de xogadores con moi boa pinta: sobre todo Jonathan Pereira, pero tamén Álvaro Antón, entre outros.
Xestionou con moita madurez a grave crise de resultados de Xoán Veiga ao comezo da segunda volta. Non deixou de confiar na capacidade do seu adestrador e o resultado aí o está.
E a pesar de andar con catro pesos na carteira ten no seu plantel xogadores que van tardar en marchar das ligas españolas. Tomen nota dun nome: Carlier, un dianteiro con moi boa pinta. Non é novo para Silveira: Delporte, De Palmas e unha longa ringleira de nomes fixéronse un sitio no fútbol profesional aproveitando a porta do Rácing.
Ao Celta faltoulle humildade, instinto de superación, compromiso. Non digo na Malata, digo nesta campaña na segunda que ninguén na directiva soubo analizar con frialdade. Para o ano que vén hai outra oportunidade. E ningunha escusa para que o modelo sexa outro. Teñen pinta Numancia e Málaga de equipos soberbios? Non.