Europa Press . O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, avanzou que o seu departamento intentará adoptar unha medida e unha solución definitiva respecto da orde que supuxo a anulación de concertos a cinco centros galegos que separaban o alumnado por sexo e asegurou que a revisión que se efectuará 'axustarase ao que diga a lei'.
Aulas en galego.
En declaracións a Europa Press, o titular de Educación na Xunta afirmou que coñece "o problema e a situación na que se atopan" os colexios concertados de Vigo Acacias, Montecastelo e Aloya, e os da Coruña Monte Espiño e Pena Redonda, que onte aseguraban que presentarán alegacións contra a orde que lles retira os concertos educativos, aprobada polo anterior Goberno cando estaba en funcións.
"Sabemos que existe un intento de paralización da orde por parte de varios colectivos, nós o que pretendemos é asegurar que se axusta –a anulación de concertos– á legalidade", explicou Vázquez.
Así mesmo, indicou que no Goberno viven "días frenéticos" co deseño da nova estrutura da Xunta, pero que aceptará reunirse "con todo aquel que o demande", en alusión ás declaracións dos centros nas que pedían reunirse co novo titular de Educación. "Se nos chega esa demanda de petición de reunión, sexa un colectivo, un sindicato, independentemente do equipo, reunirémonos con el", destacou.
Carta datada o 17 de abril
Os cinco colexios implicados recibiron a noticia de que non se lles ía renovar os concertos educativos o martes, mediante unha carta datada o 17 de abril, o que acolleron con "sorpresa" ao tratarse "dun goberno saínte".
A concesión de concertos educativos está suxeita a que "ao cumprimento do estabelecido na normativa vixente sobre escolarización do alumnado, especialmente no relativo á non discriminación polas razóns que se recollen no artigo 84.3 da LOE", que fai referencia a razóns de sexo.
Descargar Tarifas