PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
BLOG XURXO ESTEVEZ
Xurxo
Estevez
Apadriña un banqueiro
Na terceira entrega dos 'Manuscritos económicos do xove X.E.', o autor reflexiona sobre os quince días que estremeceron a banca e os petos de cidadáns, baixo o efecto bolboreta da crise financeira.
 22.10.2008 | 12:55

Ucha Apadriñe vostede un banqueiro. Levamos recaudados xa dous billóns de euros, só na Europa Ucha Apadriñe vostede un banqueiro. Levamos recaudados xa dous billóns de euros, só na Europa

O 15 de setembro o señor Serxio utilizou por primeira vez un produto recomendado na tele para combater a caída do pelo. Á mesma hora, mais ou menos, o xigante financeiro Lehman Brothers presentou bancarrota.

No mesmo día, Almudena enganouse ao coller as pipocas no bar do cine -ela detestaba as pipocas doces- e, por iso, o namorado rifou coa rapaza, así que deixaron definitivamente de verse. Che Guevara foi a última película que miraron xuntos. Ás 12,35 hs. o Bank of America resgatou Merrill Lynch por 50.000 millóns de dólares.

Tamén naquel 15 de setembro, Carmela intentou foder cun descoñecido no Coliseo, mais non foi capaz porque lle faltaba ambiente. Sobre a unha e cuarto, a Reserva Federal de EEUU resgatou a aseguradora AIG, á beira do colapso, por 85.000 millóns de dólares.

A verdade é que Antonio –Toni chamábano todos– non se decidía entre a empanada de bonito e os emparedados de merluza, na cafetería diante do Corte. Dispuña somente de cincuenta minutos para comer e non era como para perder o tempo. Alén diso, aseguráralle á muller que "Este ano comerei mellor". Naquel 17 de setembro o Lloyds comprou HBOS, a primeira hipotecaria do Reino Unido, para evitar o afundimento.

O 2 de outubro  a parella do sexto estaba mesmo encallada. Non tiñan máis remedio que ficar a vivir na cidade –a ela teríalle encantado fugarse ao rural  pero el non quería– e seguir adiante. Virían os fillos co tempo? Namentres, o Congreso dos EEUU aprobaron o Plan de Resgate de 700.000 millóns de dólares.

O 6 de outubro o pai de Andresiño díxolle, por primeira vez na súa vida: –Non Andresiño, xa che dixen que non e é non! Hai que saber onde están os límites. Despois diso, o goberno alemán resgatou o banco hipotecario Hypo Real Estate.

O 7 de outubro os peruanos que tocaban nos Jerónimos, en Lisboa, vestidos de índios, venderon todas as cassetes das "Aguas turbulentas" a un grupo de holandeses, aínda que estes puxeron en dúbida a existencia de indios con plumas na corda dos Andes. Media hora antes, o goberno de España dedicara xa 50.000 millóns de euros, sacados dos nosos impostos e dos nosos salarios, para constituír un fondo e pasarlle os cartos ás empresas e aos bancos.

O 9 de outubro Manolo Quiroga chegou tarde a clase pois ficou a durmir coa Play Station entre os dedos. Ao final da mañá,  o índice da bolsa americana Dow Jones sofreu a maior caída diaria en 20 anos, un 7,33%.

O 10 de outubro  fixeron a quiniela  no intervalo das 11, como cada semana na oficina. En diola, como é difícil!, cada día os equipos están máis igualados. Ao meio día as bolsas de todo o mundo pecharon a peor semana dende que hai rexistros.

O 13 de outubro Serxio, Almudena, Carmela, a parella do sexto, Andresiño, os índios peruanos e Manolo Quiroga aínda non sabían que as bolsas de todo o mundo chimparan o maior brinco da historia, con ganancias superiores ao 10% nun só día, despois de que os gobernos europeos metesen máis de dous billóns de euros da nosa pasta nos petos dos banqueiros.

Tardaron ainda uns bós meses en mirarse nas listas do paro, nas dos morosos, dos despedidos, dos convocados por Facenda para unha Complementaria, nas listas de espera e incluso, algúns, nas esquelas.

E que siga a festa!


PD: As situacións descritas están sacadas do suplemento dominical dun certo xornal liberal español.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río