Xan Carballa . Estaba aquela noite aciaga no Portiño, axudando a guiar os que fuxían. O libreiro Antón Patiño Regueira morreu no verán de 2005. Aquel mesmo ano publicouse en Edicións A Nosa Terra o seu libro de testemuña da represión do 36 'Memoria de Ferro', un traballo que naqueles meses el mesmo presentou na Coruña e Monforte. No acto da Coruña o propio Patiño fixo un percorrido polos lugares da represión. Esta conversa publicouse en A Nosa Terra cando saiu o libro.
Memoria de Ferro é o título do libro de Antón Patiño Regueira editado por A Nosa Terra na súa colección Froita do tempo. O autor foi un dos máis importantes libreiros de Galiza, un home que se destacou en múltiples actividades e que deixou neste libro “un peto de ánimas en memoria dos meus amigos”. Amigos mártires do holocausto de 1936, que Patiño lembra con cariño e intensidade poética. Xa era un mozo naquel tempo e ademais participei dalgunhas das accións clandestinas para salvar algunha xente da represión. Despois as miñas actividades comerciais permitíronme viaxar moito por Galiza e fun completando o panorama. Nós eramos sete irmáns, e a pesar da miña idade non fun mobilizado porque podíamos librar dous. Como eu entendía de labradío meu pai preferiu que quedara eu na casa. É moi duro escoller para mandar a outro fillo á guerra. O seu irmán Enrique estivo comprometido nun masivo intento de fuxida que acabou mal. rOganizárase a fuxida de moitos perseguidos, que habían marchar en tres barcos. Reuníronse no Portiño, en San Pedro de Visma, para sair cara Francia. Por indiscreción dalgún dos conxurados sorprendéronnos ás 3 da mañá os soldados da Artillería de Costa, que ao berro de Viva España emprendérona a tiros. A xente fuxiu como puido, houbo afogados, feridos, xente destrozada contras as pedras. Eu tamén estaba alí, como guía, e conseguín fuxir. Entre os mortos estivo o deputado Luis Rufilanchas, que botara moitos meses agachado na Coruña, e mesmo saía á rúa a pedir como mendigo desfarrapado. Despois diso estivo preso? Sabiamos que nos podían vir a buscar. Meu pai pensou que eu tería máis serenidade e fun en vez de meu irmán Enrique. Veunos buscar, de madrugada, o policía Lago, de Silva de Abaixo. Cando me viu exclamou Coño, moito medraches, porque nos coñecía. É a ximnasia que fago no campo!, retruquei. Cando vin que o coche enfilaba cara á Pastoriza pensei que me ían dar o paseo. Pero deron volta e colleron a outro home, que ía tremando e pensaba que eu era un dos matarifes. Leváronnos para a comisaría, que estaba no Consulado cubano. Pasei un día en comisaría e acórdome que levaba 15 pesetas no peto e compreille a un home que pasaba toda a cesta de churros, que foi co que almorzamos todos os detidos. Alí coñecín a outro rapaz, responsábel da CNT de Tui, do que non lembro o nome, que fora denunciado pola propia moza. Metérase na Falanxe e denunciouno por ciumes. Non souben máis del. Coñecía a todas as persoas das que fala no libro? Coñecía. O libro é como un peto de ánimas aos amigos meus daquel tempo. Daquela eu tiña un corpo grandón e alternaba con xente maior ca min. Era moi comunicativo e moi responsábel. Agora escribín para que vivan as ánimas dos meus amigos fusilados. Desde a portada do libro míranos o fillo do señor Felipe, Manolo Seoane Díaz. Era un traballador que se pagaba cos aforros a aprendizaxe do violín. Míralle o laciño que leva ao pescozo, poñíao como un símbolo do artista que quería chegar a ser. A Manolo condenárono porque tiña uns recortes de La Voz de Galicia sobre o incendio do Reichstag, en Berlín. Sei que morreu berrando diante dos que o fusilaban Viva la república. A represión foi durísima,... ao director do Instituto Meteorolóxico da Coruña matáronlle a todos os fillos. Ao fillo da Peineta, Holando Mosquera, un rapaz marabilloso, que formaba parte do centro de estudos sociais El Resplandor en el Abismo, acusárono de sair nunha foto saudando a Casares Quiroga, cando dera un mitin na Coruña, e custoulle a vida. Apesar de tanta traxedia o libro ten un tono poético. Escribino máis en forma poética que literaria porque é difícil facelo en medio de tanta dor sen sentir rancor e paixón por aqueles rapaces que eran bolboretas sen facer, homes sen facer. Un Rivadulla recén cumprira os dezaseis anos cando lle deron o paseo; os irmáns da lexía, tiñan 16, 17 e 18; dos Villar salvouse un porque se presentou voluntario para ir á frente... A todos os que pasearon na Coruña detíñaos polo día a Garda Civil e entregáballos aos matarifes á noite. Eran falanxistas, como os irmáns Casteleiro, os irmáns Mariño, Martín Viéitez Martín, o Mosquera, que fora desertor da garda Civil e despois chegou a alcalde de Arteixo. Este era o que daba o tiro de gracia e presumía de cortarlles o pene a algúns dos que mataba dicindo este xa non fode a Deus. Xuntábanse ás seis da tarde no Café Unión, na Praza de Pontevedra, e ían recoller aos condenados ao cuartel. Algúns represores sei que morreron atormentados polo recordo, como o capitán Rabioso, que xa maior, en Ferreira de Pantón, cando chegaba a noite toleaba e saía da casa a pegar tiros ao chou. Por denunciar con nome e apelidos chegáronme queixas, e mesmo sei que foi motivo que a Deputación de Lugo me retirase unha subvención para uns actos que facía en memoria de Filomena Torbeo.
Antón Patiño, libreiro. XC
1 / 2
Vostede tiña dezasete anos en 1936, como coñeceu tantos detalles daqueles tempos aciagos?
Vostede rompe un tabú moi frecuente que é dicir o nome dos represores.