PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Gañadora do XVI Premio Lueiro Rey de novela curta
An Alfaya: 'Os espazos curtos provócanme, fanme sentir ben'

Eva Estévez A escritora viguesa acaba de conseguir o XVI Premio Lueiro Rey de novela curta con 'Area Quente', unha historia dramática de busca ambientada nun espazo desértico que escribiu inspirándose nunha fotografía.

Reloxo 08.04.2009 | 13:29

An Alfaya An Alfaya Cal é o argumento da novela?

Unha fuxida. O protagonista é un fotógrafo que vive na urbe, que ten problemas persoais e profesionais e decide escapar, buscándose a si mesmo. A fuxida é cara a un lugar desértico, inhóspito e alí se atopa con xente que o desconcerta.  

Levoulle moito tempo escribilo?

Non. Escribo moi rápido. Maduro moito as historias na cabeza e unha vez que me poño non me levan tempo. Neste caso levoume dous ou tres meses. Remateina axiña porque a tiña moi ben fiada na cabeza.

Identifícase ben con personaxes masculinos?

Son bastante empática cos personaxes. O sexo, o xénero e a idade non me supoñen ningún atranco. Neste caso o protagonista é un home que podería ser da miña idade, ter uns 45 ou 50 anos.

Como cualificaría esta obra como unha novela existencial, dramática...?

Como case todo o que eu escribo ten un corte dramático porque o tema do humor se me dá moi mal. Os temas que me interesan case sempre son os de personaxes cunha psicoloxía complexa, perdedores, que buscan a identidade, xa sexan adultos ou personaxes infantís ou xuvenís. Son personaxes perdidos, en continua busca das respostas ás vellas preguntas, concibidos dende a miña propia perspectiva como creadora.

Por que o título 'Area Quente'?

'Area Quente' é un espazo, ao que o protagonista foxe, un espazo recreado e imaxinario inventado por min que conscientemente non sei si existe en algures, pero pode ser calquera lugar desértico que está no meu imaxinario que eu non pisei nunca fisicamente e que recreei mentalmente.

Séntese cómoda escribindo novela curta?

Como lectora e escritora necesito espazos nos que se concentre a información. Na novela curta non pode haber espazo para a perda polo camiño, mentres que na novela longa podes demorarte na trama. Na curta ten que estar todo máis concentrado e ser máis intenso. Eses espazos nos que se conserva esa sensación de intensidade tanto como lectora como como escritora, provócanme, fanme sentir ben á hora de enfrontarme a un texto.

É como mellor escribe?

Penso que si. O espazo curto responde ao tipo de mundo que quero contar e recrear e ao dos personaxes que reflexo. Espazos íntimos, moi pequenos onde non hai grandes aventuras, senón que as aventuras son interiores, emocionais, problemáticas psicolóxicas que a min como escritora me dan máis pe no espazo curto.

En que se inspirou para escribir 'Area Quente'?

Nunha fotografía que unha amiga fotógrafa me regalou hai anos que teño pendurada na miña casa. É a sombra dela mesma proxectada cunha áncora sobre algo que parece unha praia. E sempre que vía esta imaxe pensaba: 'Esta foto suxíreme unha historia' e non acababa de saber que historia ía suxerirme... A foto leva anos pendurada nunha parede da miña casa e estivo durmida moitos anos até que xurdiu a historia.

Cal é para vostede o significado do 'Lueiro Rey'?

Todo premio supón sempre unha maior proxección da obra do artista, dálle maior visibilidade e achégase máis ao lector, dentro dos límites que o libro galego ten. E isto é o que máis valoro deste e doutros premios.

En que editorial se vai editar?

As bases do premio inclúen a edición da novela na editorial Sotelo Blanco.

Está traballando nalgunha nova novela?

Está cocéndose na miña cabeza.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río