M. V . Aymerich lémbralle a Pesca (PSOE) que 'agora virá a tramitación un por un de todos os proxectos' do Plan Acuícola, incluídos os informes de Medio Rural e Cultura (BNG); nunha estratexia semellante á que está a seguir Medio Ambiente contra os plans eólicos de Industria.
A problemática de Quilmas, Carnota.
Os veciños da Cooperativa de Agricultura Ecolóxica A Raíña Lupa denuncian as “ameazas” que aseguran ter recibido para que vendan as súas terras á multinacional Stolt Sea Farm. Na parroquia de Quilmas (Carnota) a Xunta autorizou, a través do polémico Plan Acuícola, a ampliación da actual granxa da compañía de capital noruegués. A nova industria multiplicaría por doce a actual piscifactoría e fecharía a comunicación da aldea co mar.
De “totalmente ilegal” cualifica Xosé Manuel Casais, portavoz da Raíña Lupa, os vertidos da instalación á Ría de Corcubión. O certo é que o SEPRONA da Garda Civil constatou, tras un vertido maior do habitual, que a planta leva anos traballando sen o permiso de vertidos obrigatorio, circunstancia que foi admitida pola empresa. Iso si, Stolt alega que o permiso está en trámite e que o atraso en concedelo é imputábel á administración e non á compañía.
A aprobación do Plan coloca os veciños nunha difícil situación, pois a Xunta poderá expropialos para logo cederlles os terreos a Stolt ou a outra compañía acuícola nunha concesión.
“Se non vendedes, exprópianvos”
De feito, os cooperativas xa alertan das “ameazas” pois “veu unha persoa polas portas dicindo se non vendedes, exprópianvos”. Con todo, “máis do 90 por cento non quixo vender” e xuntouse á Cooperativa.
Agora teñen en marcha un proxecto de recuperación da agricultura na zona, que inclúe a venda produtos de horta e plantas ornamentais. A súas estratexia pasa por demostrarlle á administración que os terreos xa xeran riqueza tal e como están, e deste xeito esquivar a expropiación.
Para logralo, ademais dun gran invernadoiro, están a recuperar o resto dos terreos mediante a reparación do tradicional sistema de regos. Os incendios forestais deforestaron os montes próximos, como o do Pindo, polo que son frecuentes as riadas e cómpre canalizalas parar salvar os cultivos.
Descargar Tarifas