Redacción . Anciáns con dependencias ou maiores de 80 anos terán axudas para a compra dun descodificador para a Televisión Dixital Terrestre (TDT), que en Galiza xa acumula atraso sobre o plan oficial.
As mulleres son a maioría dos traballadores no agro galego.
O Ministerio de Industria convocou unha liña de axudas para que colectivos en risco de exclusión poidan acceder á TDT, ante o inminente apagón analóxico. Persoas que residan nalgún dos concellos afectados pola Fase I do Plan Nacional de Transición á TDT poderán recibir un sintonizador dixital de balde se forman parte dalgún dos colectivos beneficiarios.
Deberán ser persoas de 65 anos ou máis e cunha dependencia recoñecida de nivel II ou III, ter un grao de discapacidade do 33 por cento ou superior, ou ben ter máis de 80 anos e vivir soa ou acompañada doutra persoa tamén maior de 80 anos, ademais de non se ter beneficiado deste plan de actuacións de apoio a través de asociacións ou de comunidades autónomas.
No caso galego, poderanse beneficiar destes sintonizadores persoas que cumpran cos anteriores requisitos e que vivan en concellos das áreas técnicas de Santiago de Compostela ou Ourense Leste, afectados pola primeira fase do plan de transición e que quedarán sen televisión analóxica nos próximos meses, nunha data aínda non fixada polo Ministerio de Industria.
Para acceder a estas axudas hai que acudir á Xefatura Provincial da Inspección de Telecomunicacións coa documentación precisa presentar un formulario de solicitude, o documento de identidade, outro en que conste o enderezo da persoa beneficiaria nun concello da Fase I e xustificantes de pertencer a algún dos colectivos aos que se lles concede a axuda.
Na web TelevisionDigital.es hai máis información sobre estes trámites e os impresos necesarios, ou en InfoayudasTDT.es.
Datos de audiencia
Galiza superou no mes de xuño, por primeira vez, a media estatal de audiencia da TDT, o que parece indicar que se vai avanzando rapidamente na súa implantación. Así, o 35,7 por cento da cidadanía sintonizou a televisión dixital fronte ao 35,3 da media estatal. A televisión analóxica aínda supuxo o 44,6 por cento en Galiza e o 43,8 no conxunto de España.
Descargar Tarifas