Manuel Vilas . A Cooperativa de Agricultura Ecolóxica a Raíña Lupa denuncia represalias tras constituirse, co apoio de Medio Rural, como 'alternativa local' á ampliación da granxa de Stolt Sea Farm en Quilmas, parte do Plan Acuícola da Xunta. A Garda Civil comprobou que a multinacional leva anos vertendo á Rede Natura sen permiso.
Multiplicar por dez unha piscifactoría que leva anos funcionando sen permiso de vertido. Isto é o que establece o polémico Plano Acuícola da Xunta para a granxa que explota en Quilmas (Carnota) a multinacional baseada en Luxemburgo Stolt Sea Farm. Sementar ou cementar Na parroquia –ao pé do Monte Pindo– viven un cento de persoas, das que un grupo de quince familias están abertamente en contra da macrogranxa. Elas forman Plataforma pola Defensa Cultura de Quilmas e da Cooperativa de Agricultura Ecolóxica a Raíña Lupa, unha “empresa alternativa á piscifactoría que crea riqueza para o pobo”, explica o seu voceiro e socio, Xosé Manuel Casais. A Raíña Lupa conta con 150.000 metros cadrados de superficie, todos dentro dos 250.000 metros ambicionados pola empresa. A Cooperativa vende plantas ornamentais en Madrid, Murcia e Valencia, produciu marmelada e ten unha horta para o autoconsumo. A superficie cultivada é pequena pero os veciños aspira a producir a en todas as fincas que mancomunaron. Represalias contra os cooperativistas “Pensan expropiar unha empresa local para darlle os terreos a unha multinacional que reverte os seus beneficios en Luxemburgo”, laméntase Casais. Con todo,o portavoz do colectivo admite que hai unha parte dos veciños a prol da industria. De feito, dende que empezaron a mobilizarse hai dous anos, Casais denuncia que lle pincharon as rodas da furgoneta e romperon as macetas do seu invernadoiro. Stolt Sea Farm négase a detallar seus plans de ampliación. O seu director, Pablo García, explica que “aínda non hai ningún proxecto depositado”, imalia que considera que en Quilmas poderían ampliar a produción até as 1.500 toneladas. Pesca aproba a granxa, Medio Rural apoia a cooperativa O voceiro da Raíña Lupa ataca o bipartito, a quen acusa de asumir un Plano Acuícola “redactado polas empresas no despacho do señor López Veiga”, o conselleiro de Pesca do último goberno Fraga. Casais di que o PSOE favorece a Stolt no reparto das granxas, en detrimento de Pescanova, a quen sitúa próxima ao PP. Das críticas só salva a Consellaría de Medio Rural, nas mans do BNG, quen subvencionou os cursos de formación que permitiron o lanzamento da Cooperativa. Veciños e empresa contradinse en case en todo, tamén no cadro de persoal. Na granxa traballan 38 persoas segundo Stolt, 15 –e “só tres da aldea”– segundo os cooperativistas. O “encargado” da factoría vive en Quilmas e, segundo Casais, foi quen visitou os veciños “casa por casa” para que lles venderan ás terras a empresa baixo a ameaza de que sería expropiados no caso de non vender. “Quere Touriño repetir outras Encrobas?” Os socios da cooperativa din estar “dispostos a chegar até o final” e pregúntanse se “Touriño está disposto a aturar que se repitan en Quilmas imaxes como as das Encrobas”. O certo é que a animadversión veciñal é fonda. “En quince anos que levan aquí só trouxeron merda, nin sequera nunca deron un peso para as festas”, laméntase un cooperativista.
Axentes do SEPRONA da Guardia Civil acudiron a Quilmas en maio alertados polos veciños. Na denuncia, os gardas deixaron constancia oficial de que a fábrica carece do permiso de vertido. Ademais, indican que a tubería bota os residuos dentro da rede natura.
É máis, os cooperativistas aseguran que a planta só pediu esta autorización unha vez que a noticia saltou á prensa. De feito, mostran unha copia da solicitude de Stolt posterior ao incidente coa Garda Civil. Tamén denuncian que tras a denuncia Stolt construíu fosas sépticas para os baños dos traballadores, que antes vertían directamente ao mar.
Tres granxas sen permiso en Galiza
Unha versión negada pola empresa. “O permiso de vertidos leva cinco anos a trámite”–asegura o director da firma. García admite que, das seis granxas do grupo no país, Quilmas e outras dúas aínda “están tramitando a autorización”. Con todo, argumenta que “até o ano 2002 non era necesario un permiso de vertidos” e que a firma non é responsábel do atraso burocrático na súa consecución.
O director tamén minimiza a contaminación pois trátase “de devolución de auga do mar”. García argumenta que Pesca fixou o límite da primeira reserva mariña de Galicia a poucos metros do desaugadoiro da macropiscifactoría de Lira, próxima a Quilmas.
Vertidos orgánicos e químicos, segundo os veciños
O certo é que calquera que visita a costa de Quilmas como a auga que verte Stolt non é precisamente auga de mar. Trátase dunha mestura de cor abrancazado, cheirenta e con moitos restos orgánicos –incluídos 'galletas' enteiras que se usan para alimentar dos rodaballos.
Os veciños denuncian que o vertido tamén leva restos dos antibióticos que lles dan aos animais, deterxente para limpar os depósitos e mesmo cadáveres de peixes. Ademais, aseguran que as algas xa non medran ao redor do desaugue e da desaparición de especies, como o peón.
Descargar Tarifas