
É un tópico do máis usado, cando xa chegamos a unha certa idade, recoñecer a influencia e, xa que logo, darlles as grazas, ás persoas que máis nos influíron para que hoxe sexamos quen somos. E daquela falamos dos pais, ou deses amigos que nos acompañaron ao longo da vida nos malos e, sobre todo, nos bos momentos, e sempre sae algún que outro profesor que máis que profesor foi mestre. Cousas así. Porén, acho que case que nunca facemos referencia a outros seres, non humanos ( ou moito máis humanos ) que nos teñen marcado, tamén, e moi profundamente. Falo dos personaxes da literatura, dos señores e señoras dos libros, que un día naceron entre os instersticios neuronais dun escritor e hoxe e para sempre viven eternos en nós.
E como unha das miñas especialidades é facer xustiza poética, eu vou facelo aquí e agora por se cando chegue o momento se me pasa. Non podo citalos todos, pero van algúns:
Grazas a Robinson Crusoe polo de náufrago, ao Capitán Ahab polo da balea branca, a Mafalda polas preguntas, ao Principiño pola ollada, a Ulises pola viaxe, a Alicia polo mareo gozoso, e a Jeckyll e Hyde, aos dous, por min mesmo…
Insisto. Podería seguir cos agradecementos durante varias horas, pois son moitos os homes e mulleres “de mentira” sen os que eu non sería eu. Nin ti tampouco.
Deámoslle as grazas. Que hai que ser educados.
Descargar Tarifas