PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
'Ao xeito anglosaxón'
Adolfo Domínguez avoga polo despido libre

Europa Press O deseñador de moda Adolfo Domínguez urxe á liberalización das relacións laborais en España a través dun despedimento libre 'sen trabas administrativas, nin xudiciais', 'ao xeito anglosaxón', por considerar que provocaría un 'aumento de produtividade inmediato' ao motivar ás persoas a gañarse 'cada día' o seu posto de traballo. 'Todas as medidas que se tomen para facer máis doado o traballo do emprendedor reflectiranse nunha menor taxa de paro', defendeu.

Reloxo 03.02.2010 | 13:37

Adolfo Domínguez no Fórum Europa Tribuna Galicia Adolfo Domínguez no Fórum Europa Tribuna Galicia. AGN

Na súa intervención no Forum Europa Tribuna Galiza, o modisto ourensán interpretou que España sairá da crise se se efectúa "unha reforma laboral profunda", que lle permita ás empresas expandirse no exterior, e avogou por recuperar os "valores do esforzo" e do traballo "ben feito", de abandonar o "eloxio da preguiza", no que asegurou que se instalou a esquerda "cando se viu obrigada a abandonar por inservíbeis as bandeiras do socialismo real".

Nesta liña, afirmou non crer no Estado do Benestar "tal e como o organizaron os europeos e españois" por entender que é "esterilizador" e que, fóra de Alemaña, está producindo unha "rápida desindustrialización" de Europa. Criticou que o Estado do Benestar se financie con débeda e entendeu que os dereitos sociais conquistados en España proceden dos fondos estruturais europeos. "Non creo en dereitos que non podamos pagar", sentenciou.

"Non creo nun sistema que permite que alguén se colla un ano por depresión, a maioría das veces fraudulenta, se reincorpore e teña 30 días de vacacións", engadiu, para reprobar un sistema que xera "unha chea de pícaros" e rexeitar a preguiza. "Só podemos solucionar esta crise traballando máis", sostivo.

"Os salarios subiron no2009 e 2010, o que producirá máis paro", agregou, ao entender que esas remuneracións dependen da produtividade e que os españois non contan coas empresas alemás. "Son moitos séculos de acertos e esforzos, de investir en educación e ciencia", aseverou en referencia ao país xermano.

Por iso, proclamou a súa falta de credibilidade no Estado do Benestar e, pola contra, a súa fe no Estado e no Ser, a súa defensa do esforzo, educación, investimento en ciencia e coñecemento. "Prefiro unha sociedade organizada sobre a educación e o coñecemento que sobre o doce facer nada", insistiu. "Hai que cambiar o Estado do Benestar de arriba abaixo", concluíu a este respecto.

"Non deixaría ao mercado puro, non na educación e a sanidade, prefiro pór o acento na bolsa e en dar o diñeiro ao individuo para que poida escoller colexio", defendeu á vez que apostou por un sistema educativo e sanitario "para todos" organizado doutro xeito. "Non creo que un profesor ou un médico teñan que ser funcionarios, quítanlle o estímulo de vida", afirmou.

Xubilación aos 67

O costureiro ourensán reprobou a falta de reformas que caracterizou os últimos anos e que, recordou, impulsaron José María Aznar e Felipe González -a diferenza de José Luís Rodríguez Zapatero, como sinalou-. "O colectivo social está afrontando o peor tsunami da Historia sen medidas, que nos pode levar á quebra, como a Grecia".

En resposta a preguntas dos xornalistas, considerou que elevar a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos ten "toda a lóxica do mundo", ao recordar que as persoas viven unha media de 80 anos en España. "Ademais, farase, protesten o que protesten", augurou. "Pódese atrasar. Van vir unhas relacións laborais máis flexíbeis, quéirase ou non", reiterou, a pesar de advertir que a demora en introducir esas reformas quitará aos empresarios "armas para competir".

'Os mellores abúrrense'

Domínguez lamentou que os líderes políticos, dos que asegurou que "quizais reflicten á sociedade que os vota", teñan soños "igualitarios e identitarios". "Hoxe nas clases o ritmo adáptase ao pelotón dos torpes, esquecémonos dos superdotados", criticou, para defender a súa segregación en grupos de igual modo que ocorre nos países anglosaxóns.

"En España hai unha obsesión, un delirio, pola igualdade. Por que hai que machucar os superdotados e os máis intelixentes?", preguntouse, en referencia a un colectivo que, ao seu xuízo, representa entre un 5 e 10 por cento da sociedade. "Todas as familias teñen diñeiro para cear fóra unha ou dúas veces á semana e non para educar os seus fillos", reprobou, convencido de que a sociedade española, "pouco educada", é culpábel desta situación, que non só compete ao Estado.

"Temos unha sociedade pouco educada, con menos enxeñeiros e sociedade científica da que podemos ter. Aquí coñecemos a futbolistas, cantantes e até escritores", aseverou, para lamentar a falta de científicos. "O que temos que cambiar é o acento que puxemos na educación nos últimos 30 anos", manifestou.

Situación da empresa

O empresario ourensán negou que a súa firma estea reducindo persoal e asegurou que, pola contra, o está "aumentando". Nesta liña xustificou as perdas rexistradas ante a crise, aínda que sinalou que a súa empresa non está "en liquidez negativa". "Seguiranme vendo aquí dentro de 20 anos".

Así mesmo, recordou que na actualidade Adolfo Domínguez exporta o 25 por cento da súa produción, aínda que aspirou a que, dentro dunha década "como máximo", a súa firma só realice en España o 10 por cento das súas vendas, polo que entendeu que este sector "está facendo os deberes".

Preguntado polas súas diferenzas con Zara, definiuse como un "costureiro", mentres que entendeu que a firma de Amancio Ortega é "un gran comerciante". "Quizá o mellor comerciante téxtil da Historia e é obvio que estamos no mesmo sector", apuntou.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río