Manuel Vilas . Os ecoloxistas reclaman a prohibición total dos transxénicos, tamén con fins de investigación, no país. A Cámara debateu unha proposta do BNG para prohibilos na agricultura para o consumo.
Plataforma Galega Antitransxénicos.
A Cámara debateu este mércores unha moción do BNG para declarar "Galicia zona libre de cultivos transxénicos na produción de produtos, tanto destinados á alimentación humana como á animal, e a súa participación na Rede rexións europeas que se declaran libres de transxénicos". Mentres, na entrada do Parlamento medio cento de cidadáns da Plataforma Galega Antitransxénicos manifestábanse con berros como "se non tedes fillos, será culpábel o millo!". Charo Sánchez, voceira da Plataforma, acusou ao Goberno galego de "favorecer ás grandes multinacionais que só se preocupan por enriquecerse e prexudican á seguridade alimentaria". Sánchez rexeitou a moción aprobada hoxe no Parlamento de Galicia contra estes produtos, xa que permite o seu cultivo para investigación. A voceira denunciou que o texto carece de "contido real algún" e reclamou que "non se deriven cartos públicos" para a investigación con transxénicos. Verdegaia alerta dos experimentos da USC Nesta liña, Xan Duro, directivo do colectivo ecoloxista Verdegaia, criticou que a Universidade de Santiago experimente con eucaliptos modificados xeneticamente en Compostela. Duro denuncia que a Universidade adica fondos públicos a desenvolver eucaliptos que resisten mellor as pragas e producen máis papel. O voceiro de Verdegaia reclamou, "como mínimo", que a Xunta prohíba "totalmente" o cultivo de transxénicos con fins agrícolas e forestais. ADEGA denuncia os intereses de multinacionais Pola súa banda, Fins Eirexas, de ADEGA, valorou positivamente que a Cámara debatese este asunto. En todo caso, reclamoulle á Xunta que "lle pare os pés as multinacionais" e deteña o cultivo de transxénicos no país. Eirexas denunciou que a UE permite que non se etiqueten alimentos como transxénicos se os ingredentes modificados non suman o 0,9 por cento. "A estratexia das multinacionais é meter os transxénicos por debaixo da porta até que sexa maioritarios nos supermercados". Participación do SLG Na Plataforma participan 23 asociacións, entre colectivos ecoloxistas, cooperativos de consumo responsábel e sindicatos, como o Sindicato Labrego Galego, que participou na protesta a través da súa máxima representante, Carme Freire.
1 / 5
A parlamentaria do BNG admitiu que tamén hai científicos a prol dos transxénicos, pola "súa proximidade ao poder económico". "É evidente que non hai consenso na comunidade científica é cómpre investigar máis", argumentou.
A vicepresidenta do Parlamento dixo que os riscos dos tranxénicos son maiores que as vantaxes e dixo que "as normas e leis deben favorecer aos cultivos tradicionais".
Paz argumentou que o millo transxénico que se cultiva en Galiza é inmune a unha enfermidade que non se dá no país. Ademais, alertou de que "non hai garantías absolutas sobre a súa salubridade para a alimentación humana".
Postura do PSdeG
Por parte do PSdeG, Marisol Soneira, lembrou que o millo galego é máis resistente grazas ao traballo dos científicos, entre os que citou a Ruíz Gallestegui a comezos do século XX.
Os organismos xeneticamente modificados son o produto acelerado da evolución, argumentou Soneira ante un hemiciclo no que a metade dos parlamentarios estaba ausente. "A tecnoloxía non é mala por si mesma", indicou a socialista. Soneira citou á recuperación do porco celta como un dos beneficios recentes da xenética para Galiza. "A democracia non é só votar cada equis tempo, senón que todas as capas da poboación poidan acceder á alimentación", argumentou a parlamentaria, que tamén apostou por "fomentar os produtos tradicionais".
Soneira reclamou "información exhaustiva" para o consumidor. "Só a través da investigación as nosas empresas agrarias poden ter futuro", dixo.
Intervención do PPdeG
Por parte do PPdeG, Roberto Castro, denunciou o "fume" e a "demagoxia do BNG" porque a a lexislación da UE di que "é ilegal impedir localmente a produción de cultivos xeneticamente modificados". Castro reitereou que os agricultores do país, á marxe do que decida o Parlamento, poderán cultivar transxénicos.
Por iso Castro cualificou a proposta de Paz de "compromiso ideolóxico probabelmente para consumo interno da UPG". "Cando existan estudos avalados científicamente que demostren un perigo contra a saúde animal ou humana será o momento de prohibir", argumentou. Ademais lembrou que a prohibición francesa do millo Mon-810 foi retirada por carecer de base científica.
O PP propón que as universidades galegas estuden os perigos e que logo o Parlamento decida. Tamén reclamou un "apoio oficial a proxectos de enxeñería xenetica aplicada á investigación".
Vacas tolas
Paz respondeulle que, efectivamente, tratábase dunha reclamación ideolóxica, como todas as que se fan na Cámara. "Non queremos facer o que fixeron vostedes sempre, deixar que Europa decida sen que Galiza se pronuncie", espetoulle. A parlamentaria dixo que Europa dálle prioridade aos intereses das multinacionais á seguridade alimentaria.
A deputada do BNG reclamou que se tomen medidas "antes de que estea constatado" o risco, ao contrario do que sucedeu co caso da enfermidade das vacas tolas.
Descargar Tarifas