Redacción . O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou a 'necesidade' de pór en marcha programas e liñas de actuación que 'garantan a permanencia, transmisión e proxección futura' do galego e que, segundo asegurou, se trata dun 'obxectivo' co que se comprometeu o seu departamento.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística.
En declaracións aos medios durante a inauguración do V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en Lingua' en Carballo, Lorenzo comprometeuse tamén a "manter as bases sobre as que se construíu nestes últimos trinta anos o pacto lingüístico, fundamentado na cooficialidade, na consideración do galego como lingua propia de Galiza, na acción positiva cara ao galego e na aplicación dun principio de non discriminación por razón de utilizar linguas cooficiais".
Así, a V edición do evento tratará aspectos como "o aproveitamento de redes de apoio á lingua, por parte dos servizos de normalización", ademais de "analizar o compromiso individual co galego" e os "argumentos para a defensa e promoción deste idioma".
Reunión coas universidades
Doutra banda, o titular autonómico de Política Lingüística reuniuse cos responsábeis deste área na Universidade de Santiago, Isabel García-Rodeja; da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Carril; e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area.
Durante a reunión, que foi a "primeira toma de contacto" cos responsábeis institucionais da comunidade universitaria, durante a que intercambiaron "puntos de vistas" sobre as iniciativas destas entidades "a favor do galego".
Descargar Tarifas