Redacción . A Xunta, a través da Consellaría de Presidencia, facilitou toda a documentación do Consello reclamada polo Partido Popular sobre a viaxe organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte á Feira do Libro da Habana.
O Goberno galego mantén desta maneira o seu comportamento habitual co Parlamento, xa que sempre que calquera deputado solicitou algunha información relacionada coa Xunta de Galicia, "esta foille remitida", segundo un comunicado emitido polo Gabinete de prensa de Presidencia. Así, engade a nota informativa, non hai ningunha contradición entre a documentación que foi solicitada e a remitida. “Neste sentido -prosegue- cómpre lembrar que as actas do Consello xeralmente levan o título dos acordos adoptados polo Goberno galego, pero non o expediente administrativo correspondente”. “Ademais -remata o comunicado- non é responsabilidade da Xunta que na petición recibida non se especificase de forma máis explícita a información que o deputado requiría”.
Anxo Quintana e Anxela Bugallo presentan a Feria Internacional do libro da Habana. Pepe Ferrin/AGN