M. V . O conselleiro de Economía di que a prioridade da Xunta na crise de Fadesa son os traballadores, por diante das familias afectadas e da propia compañía.
Xosé Ramón Fernández Antonio avaliou esta mañá a aplicación da lei concursal a Martinsa-Fadesa. Preguntado sobre se a Xunta considera a posibilidade de adquirir terreos desta firma para edificar vivendas de protección oficial (VPO), o conselleiro indicou que “se unha empresa ten solo válido para as VPOs é unha perspectiva a estudar”. Con todo, o mandatario insistiu en que a prioridade do Executivo é garantir o futuro do cadro de persoal directamente afectado. En segundo lugar colocou asegurar que os cidadáns que pagaron as súas casas, aínda por construír, poidan recuperar a inversión. Só en terceiro lugar citou o apoio para que a empresa sobreviva á lei concursal. O Goberno ao rescate? A posibilidade de que a Administración acuda ao rescate da firma quebrada mediante a compra de terreos xa foi apuntada onte por outro mandatario socialista. Así, o ministro de Industria, Miguel Sebastián, considera que o Estado podería aproveitar a situación para adquirir chan de VPO á compañía. No caso de Galiza, a Xunta ten en marcha un programa especial para a vivenda pública, co fin de paliar a crise do sector privado. Fernández Antonio, nun acto na sede compostelá da Confederación de Empresarios de Galicia, dixo que o Goberno Galego adicará 350.000 metros cadrados á construción de vivendas públicas nos próximos anos.
O conselleiro de Economía, Fernández Antonio, na sede da CEG. Manuel Vilas