
Dionisia López Amado con Xulia Miranda
O venres 28 de novembro, antes de voltar a Bruxelas, despois dunha visita de traballo en Temuko, Santiago de Chile e Montevideo, debia sair no dia de Montevideo para pasar por Bos Aires fugazmente a un acto, no que ía ir con Dionisia nesa mesma noite e no que xa tiñamos sitio para sentar xuntas. Mais ela xa non puido. Cheguei do aeroporto para ir correndo a clínica de San Fernando a vela, tocala e falarlle. Despedir unha amiga, despedila con desolación. Como unha lousa caeunos esta morte. Porque Dionisia non tiña idade, ría e cantaba como unha adolescente, e tiña comprensión dos temas e das visións do mundo con total modernidade; onde ela estaba habia sempre xente nova escoitando, onde ela aparecia armábanse grupos a carón. Dicíanme Rosaura e Jimena, filla e neta, que aínda que saíse ben desta complicación repentina, que aparecese o luns 24, ficaria con tratamentos moi duros e que ela, pola sua vitalidade, non resistiria. Así era, ela xa pasara todos os cancros, terapias e enfermidades que un pode pasar na vida, pois que que che quiten un fillo enche o corpo de rabia e a impotencia, ante os castradores verdugos que a mataron por dentro xa hai moitos anos. Dionisia sempre dicía que morrera moitas veces por Antonio e Stella e polos 30.000 desaparecidos na Arxentina, pelexando soa por cuarteis e centros de detencion, enfrontándose á policia militar. Imaxínoa voltando soa a casa sen novas, noite tras noite. Dionisia perdeu un fillo e unha nora que buscou durante 30 anos, pero polo seu carácter, cariño e vitalidade, gañou moitos fillos e fillas, como Delia e as amigas con familiares desaparecidos, como as veciñas, como os membros da comisión pola verdade e xustiza da zona norte, como Rafa Mouzo, como Gastón Quiroga, como Vicente Romero, como Manolo e Merche, como os amigos de colectivos de Vigo, como as nais nos asesinados polo gatillo fácil, como as galegas e galegos da Federación de Bos Aires, como todos os que a queriamos intensamente...
Despois de todo, a morte non é máis que un sintoma de que houbo vida. Por iso Dionisia foise fisicamente como viviu, rodeada de familia e xente amiga, que non sei por que estraña razón coincidiu que tanto Manolo coma Merche ou eu mesma, coincidiramos estando ali, sen saber uns dos outros, como para xuntarnos a toda a vaga de personas que pasaron a vela nas derradeiras horas de vida. Ainda que dá moita dor pensar que non voltaremos vela fisicamente, Dionisia vai estar sempre. Alguén que conseguira o antídoto contra a rabia, a indiferenza, contra a barbarie, contra a inxustiza, grazas a non odiar, nunca morre... Cando veu a Galiza en 2006, con motivo de participar nunhas conferencias da Universidade de Santiago sobre ditaduras latinoamericanas, tivo logo unha xira de visitas organizada pola Fundación Galiza Sempre, de calurosas acollidas, de entrevistas e conferencias por todo o pais. Ali onde ia, a xente ficaba encandilada, con ese brillo nos ollos cativador, esas palabras secas e firmes dunha loitadora, despois do que pasara esa actitude do optimismo da vontade era un exemplo de conduta que traspasaba quen a coñecia.
Onte baixei do avion ás 07h00, saíra de Bos Aires ás tres da tarde e a última nova era que seguia igual, en prognóstico grave, pero viva. Ao chegar a Madrid e abrir o celular alí estaba a nova cortante, seca, aceda, desoladora. Porque hai persoas que nos marcan na vida tanto que por iso hoxe moita xente chora a Dionisia, en Bos Aires, en Montevideo, en Galiza, en Madrid. Saímos, como ela á rúa, sen ficar coas bágoas para nós, senón a contalo, como repetía, non pode quedar un na casa, malia que che desapareza un fillo, hai que compartir a pena... e así hoxe a xente fala dela, opina, maniféstase e chora publicamente. Este xoves, 4 de decembro enterrarán as súas cinzas e faráselle pronto unha homenaxe na Federación de Asociacións Galegas da Arxentina. Polo hospital pasou moita xente, e onte cando a velaron no Tigre contan que todo o mundo lle deixaba algo, un pin, un adhesivo, un papel, unha flor... todos querian darlle un cacho do que ela deu, co seu pano branco presente ali onde fixera falla. Deixeille á filla unha carta que nunca lle poideron ler, gárdome para min o contido. Ao chegar a Bruxelas e buscar fotos para pasarllas a todo o mundo que as precisara para divulgar a nova, atopei esta, a da tenrura de dúas mafaldas do vento, nunha mañá galega na que se sentia feliz por voltar á súa terra. Con esta foto sorrin pensando nela, na Dionisia resistente, digna, amiga, compañeira, solidaria, alegre, festeira, sinxela, calurosa, emotiva, pouco amiga dos protagonismos, cariñosa, firme e loitadora.
A voz da resistencia, Dionisia López Amado, galega de lei, por quen hoxe soa unha alborada de inverno.
Descargar Tarifas