Hoxe erguinme de mala espiña. A mañá estaba pachorrenta, desas cunhas nubes a piques de estoupar que agudizan o efecto invernadoiro. As sabas molladas impediame o gozo dos derradeiros tombos que che traballan o corpo, coa loita entre a aprehensión do feito que un se ten que erguer e as maldicións incoerentes contra o gran facineroso que inventou o traballo.
Cando acadei forzas, peguei un brinco, unha ducha, un cafeciño ben carregado e, sin afeitarme (case nunca vou presentable ao traballo pero ninguén me chama a atención porque son o "metro patrón" polo que se guian os outros para rañar a barriga de autosatisfacción vendo que eles están todos ben, en todo caso mais arregladiños e decentiños) saín coma unha centella fórmula 1 para tentar chegar o menos tarde posíble ao matadeiro do corpo.
Na radio do coche escoitei a agradable nova da liberación de Ingrid Betancourt mentras as primeiras pingueiras arremetían coma descosidas contra o parabrisas.
Non gosto moito dos días grises pero teño varias razóns para estar contento hoxe, como diría o chiquilicuatre ese:
Unha: a choiva lémbrame os gloriosos tempos da miña infancia ao abrigo do ameneiro detrás do muiño, mentras soñaba grandes aventuras cuberto con un saco de esparto en forma de caparucha ao sentir o cheiro da terra mollada.
Dúas: liberaron unha persoa que eu non aprecio politicamente pero sei que cando un ser humano acada a liberdade, é tamén a miña liberdade que se afianza neste mundo de amigos do cativerio.
Tres: unha negriña simpática e sorrinte ofreceume unha praza baixo a sua antuca dende o parking ao traballo. É que chovía moito e deille pena coa cara que puxen de can apancado!
Catro: con todos eses eventos, enceto o meu traballo con boa disposición, que xa é unha epopea en si mesmo.
De todos xeitos, como di o meu amigo Moncho:
– Despois dos corenta se, ao erguerte, non sintes ningún achaque, é que estás morto.
Iniciativa popular a referendo
En chegando ao traballo, que era aí onde eu queria chegar, tendes que disculpa resta miña manía de ir cara Carboeiro para chegar a Santaia, se fora un redactor en chefe notaríase e contratábanme para redactor en chefe. En chegado ao traballo, logo, púxenme a ler con atención o texto da iniciativa popular sobre a AVS - AHV (seguro de vellez) que vai ser sancionada ou reprobada polo pobo suizo cara o fin de ano.
A USS (Unión Sindical Suiza) presentou a súa campaña por esta iniciativa, iniciativa pola que moitos sindicalistas rexeitaron de apoiar no momento do seu lanzamento, sobre todo a causa de certas reservas en canto á definición da edade legal do retiro a 65 anos contemplada no texto. Hoxe as mulleres poden disfrutala a partir de 64 pero a tendencia é mais ben de levar a edade a 67 para todos, visto o envellecemento da poboación.
A pesares de todo, a iniciativa (caso de pasar o veredito popular) permite correr o retiro anticipado a partir de 62 anos sen redución ningunha da renda (hoxe só é posible cunha considerable redución da renda mensual) coa condición de abandoar toda actividade profesional.
Tamén permite coller un retiro parcial a partir de 62 anos sen redución de renda baixo condición de redución equivalente do tempo de traballo.
Retiro flexíbel, paro en idade perigosa
Sen entrar nunha exposición, nin sequera sumaria, da iniciativa popular federal Por unha edade do retiro flexible , eu estimo que representa actualmente, non somentes, o proxecto realmente elaborado para atallar a vontade da dereita de aumentar a edade do retiro na Suíza a 67 anos, mais que se trata igualmente dunha proposición que atopará unha acollida moi favorable nos medios obreiros e, porque non, se todo vai ben, no conxunto da poboación.
A partir dos 60 anos, o emprego recúa dramaticamente. Son moitas as persoas que perden o seu emprego e, na maioría, non atopan outro ficando de este xeito á marxe da sociedade. Non existindo ningunha solución social hoxe, a maioría de estas persoas pódense atopar na situación de cobrar definitivamente unha renda fortemente reducida.
Boa saúde da AVS
As solucións transitorias sociais aplicadas na actualidade en caso de retiro anticipado, na construcción, na banca e nos servizos públicos, por exemplo, repousan a miúdo sobre unha base financeira estreita. Esta iniciativa alixeirará o finanzamento das boas solucións de sector ou de empresa.
A AVS está en boa saúde. Ao contrario do que predicen certos profetas do desastre, de ano en ano as súas contas pechan cun excedente de miles de millós de francos. Podemos, portanto, permitirnos unha edade do retiro flexible. Segundo estimacións dos expertos a aplicación da iniciativa costará só entre 720 e 980 millós de francos, é decir só 0,15% de descontos en nómina e outro tanto de contribución empresarial.
Despois haberá que poñerse a traballar politicamente para obter unha correspondencia da LPP (Lei de Previdéncia profesional) chamada 2° Pilar porque non vai ser cunha renda de Vellez ordinaria (AVS) que os asalariados van poder vivir axeitados.
Os miles de traballadores galegos (e os seus descendentes) están (ou deberían) directamente interesados por este tema. A min cabrearíame de carallo que as asociacións galegas e os individuos influúntes na nosa comunidade continuen a bailar, organizar encherolas e partidos de futbol sen aproveitar nin siquera para informar e organizar debates de disertación sobre esta cuestión que é, con toda lóxica, de vital interés para nós.
Dende agora eu estou aquí para participar (nas encherolas e no debate, que a todo hai que lle dar cando se é probe).