PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
A derradeira exposición foi en Porto
A viaxe á diversidade de Rauschenberg

Manuel Xestoso Entre críticos e historiadores, comeza a abrirse camiño a idea de que Robert Rauschenberg (Port Arthur, Texas, 1925-2008) foi o artista norteamericano máis importante do século xx.

Reloxo 13.05.2008 | 21:57

Robert Rauschenberg Robert Rauschenberg Esquerda   1 / 3  Dereita  

Se ben é certo que foi o expresionismo abstracto da Escola de Nova York –con Jackson Pollock á cabeza– a que situou a pintura dos Estados Unidos no mapa internacional das artes plásticas, a verdadeira ruptura tivo lugar a comezos da década dos 50, cando este inquieto artista comezou a mesturar elementos da realidade con tinturas de carácter expresionista. Esta apropiación da realidade que Rauschenberg levaba a cabo era unha resposta crítica ao ensimesmamento emocional dos artistas de Nova York e reivindicaba a presenza do cotián, do político e do épico na arte, a carón do lírico, do íntimo e do excepcional. No canto de illarse do mundo, Rauschenberg incorporaba a vida ao xesto creativo, creando unha asombrosa rede de imaxes que enxalzaban a gozosa diversidade da existencia. “Só cando me decatei de que a a arte é a celebración das diferenzas é que me volvín un artista capaz de ver”, declaraba.

Naquel aceno de incorporación do obxecto cotián á arte estaba implícita a poetización da vida, o inicio dunha afanosa relación entre creatividade e existencia. Mais a ruptura que supuña a súa inspiración non se estancou aí. Rauschenberg fíxoo todo. Incansábel explorador de novos camiños, non só foi quen de superar o expresionismo abstracto e de tender pontes cara ao pop, senón que continuou coa súa busca renovando moitas das vías que iniciara o dadaísmo, redefinindo o achegamento entre as artes plásticas e as escénicas, configurando un contexto propicio para a aparición das tendencias conceptuais, retomando as posibilidades que ofrecía o object trouvé ou revalorizando a riqueza expresiva de materiais até entón considerados “pobres”. Experimentou coa danza, a performance, a instalación, o teatro… Como se dixo del na retrospectiva que lle dedicou o Guggenheim, “foi o pioneiro de todos os movementos artísticos da posguerra”.

Em viagem 70-76

A exposición que até o 30 de marzo se puido visitar no Museu Serralves de Porto, bríndounos a oportunidade de coñecer as obras realizadas a principios dos anos 70. Tratouse non só dun excelente exemplo do seu inesgotábel dinamismo e da pluralidade dos seus intereses, senón dunha exposición de excepcional interese para o coñecemento do traballo deste artista, xa que a produción deste período segue a ser pouco coñecida polo público.

As obras expostas na Serralves agrupábanse en series que aluden a viaxes reais ou literarias efectuadas polo artista e tomadas como referencia para rebelarse contra a crecente homoxeneización que, xa daquela, sufrían as formas de vida en todo o planeta. Cardboards, a primeira destas series, reúne unha manchea de pezas abstractas realizadas con cartóns de embalaxe nas que a linguaxe se reduce ao mínimo, nun sutil e acre comentario sobre o materialismo e a funxibilidade da sociedade de consumo. Venetian congrega creacións inspiradas nas viaxes a Venecia. Son obras nas que o emprego de materiais humildes e obxectos encontrados –de xeito semellante ao das súas combine paintings– indagan nas contradicións dunha cidade onde se xustapoñen caoticamente a arte, a cultura e o turismo de masas nunha sarcástica chiscadela cara á historia da cultura. As Early Egyptians e as Pyramid Series combinan a aparencia de hieratismo, solidez e inmutabilidade da arte do antigo Exipto coa irónica utilización de materiais lixeiros como o cartón, a area e as gasas. Unha asociación que suxire a dialéctica entre fraxilidade e permanencia, subliñada polo halo luminoso –de claras connotacións espirituais– que lles outorgan a estas pezas a tintura fluorescente que colorea o seu reverso.

Hoarfrosts é quizais a serie que responde mellor ás expectativas que o espectador proxecta sobre a obra de Rauschenberg: xustaposicións de imaxes disímiles tomadas dos media. Un mordaz comentario á sobreinformación visual da sociedades actuais, mais desta vez, serigrafadas en fráxiles sedas superpostas en capas, nun tenue xogo de ocultación e desvelamento, de delicados palimpsestos que conxelan os acontecementos reflectidos nas ilustracións. Coma se a quietude do xeo puidese redimir o desasosegante ruído no que vivimos inmersos.

Finalmente, Jammers é o resultado das investigacións do artista en obradoiros tradicionais de tecido da India. O confronto cunhas técnicas milenarias de traballo da seda resultan nunha serie de pezas que evocan o universo marítimo, a viaxe polo espazo e polo tempo como instancia reveladora da fértil multiplicidade da existencia.

No conxunto desta mostra podemos calibrar a enorme paixón deste artista pola vida e polas súas infinitas manifestacións: humor, crítica, compromiso político, lirismo, sorpresa… Todos os ingredientes da existencia asoman ás súas obras e amósannos –na súa penetrante busca da poesía no cotián– as innumerábeis posibilidades da arte. Unha exposición autenticamente emocionante.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil