Redacción . A Universidade de Vigo (Uvi) foi designada pola Axencia Espacial Europea como 'nodo' europeo da rede mundial de satélites non comerciais cun proxecto presentado pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE).
A Universidade de Vigo foi designada pola Axencia Espacial Europea (ESA) 'nodo' de operacións en Europa de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais –científicos, de investigación e educativos- e, en bandas libres. Esta designación sitúa á Uvi como “referente mundial dentro dos sistemas de pequenos satélites”, segundo destacou o profesor Fernando Aguado, investigador principal do proxecto Xatcobeo, punto de partida de todo o proceso, que porá en marcha unha constelación de pequenos satélites distribuída por todo o mundo que permitirá recadar á comunidade científica múltiple información. Xatcobeo O proxecto, liderado pola Axencia Espacial Europea, conta coa participación da NASA, o Departamento de Defensa do Goberno americano e a axencia xaponesa JAXA, así como arredor de 200 universidade de todo o mundo. Helen Page, que dirixe o plan destacou que o proxecto da Uvi foi elixido polo seu “carácter multidisciplinar e a aposta do campus vigués pola tecnoloxía”, así como as conexións que os investigadores da Uvi teñen con toda Europa, América, Asia e África. O profesor Fernando Aguado, comentou que o Xatcobeo foi o xerme que permitiu crear a infraestrutura de investigadores que na actualidade gozan de recoñecemento e proxección internacional. No proxecto participan máis de 60 investigadores de Vigo e Ourense, docentes e estudantes de doutoramento e de proxectos de fin de carreira de oito grupos de investigación. A ETSE hai ique sumar as escolas de Informática e as dúas de Industriais, así como as facultades de Química e Ciencias. Para a posta en marcha do proxecto acaba de celebrarse en Vigo un seminario no que participaron 25 investigadores de Europa e América para acordar os requisitos que debe cumprir o software que se empregará de forma libre para construír a rede mundial de seguimento de satélites que deberá estar preparada en maio ou xuño deste ano.
Grupo de investigadores que participaron en Vigo na reunión previa ao desenvolvemento do proxecto..
Descargar Tarifas