Até mañá
A Universidade de Vigo descobre mulleres matemáticas descoñecidas
Redacción .
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo acolle unhas xornadas que poñen en valor o papel das mulleres que ao longo da historia fixeron achegas da súa sabedoría no eido das matemáticas. Entre elas, atópase a galega María Wonenburguer.
15.05.2008 | 11:31
A matemática rusa Sofia Kovalevskaia
Matemáticasxmatemáticas é o nome do seminario que está a celebrar a Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués. De xeito lúdico e ameno, os alumnos que participan nas xornadas responden a preguntas vencelladas ás actividades da vida cotiá. Con azos de pór de relevo o papel das mulleres no eido matemático, durante o día de hoxe preséntanse os traballos dos estudantes sobre M. Somerville, S. Germain, E. Noether, C.Hersche, A. Lovelace, G. Hopper, F. Nightingale e J. Robinson.
Para clausurar as xornadas, María Xosé Souto, profesora da Universidade da Coruña, impartirá mañá unha charla sobre a matemática galega María Wonenburguer. A continuación, terá lugar unha mesa de debate baixo o título “Matemáticas na literatura e nas artes”, que reunirá a Xaro Nomdedeu Moreno, profesora e escritora, e a Marta Matcho-Stadler, profesora da Universidade do País Vasco. Unha exposición dos carteis deseñados polos alumnos sobre a vida das científicas estudadas pecha o seminario.
Unha galega entre as máis célebres
“A mellor matemática galega”, con estas palabras define Miguel Anxo Mirás, coordinador das xornadas, a científica coruñesa María Wonenburguer. Nada no 1927, Wonenburguer, creadora da teoría das álxebras Kac-Moody, chegou a ser considerada unha célebre e importante alxebrista nos Estados Unidos e en Canadá. A matemática galega procede dunha familia coruñesa de orixe alsaciana. Logo de licenciarse en Madrid, fixo o doutoramento na prestixiosa Universidade de Yale da man do alxebrista máis recoñecido do século pasado, Nathan Jacobson. Wonenburguer foi a primeira muller do Estado que acadou unha bolsa Fullbright, en 1953. Mirás falou da matemática como “unha muller de altura internacional, cun currículum abraiante e totalmente descoñecida polo gran público”.
Na xornada inaugural do seminario, que se celebrou onte, rendéuselle homenaxe á rusa Sofia Kovalevskaya, a primeira muller que se adicou profesionalmente ao mundo dos números. Kovalevskaya estabeleceu a fórmula teórica que determina o movemento dun corpo ríxido a través dun eixo central. A súa influencia foi tal na sociedade da súa época que se lle adicou un cráter na Lúa, unha colección de selos e varias películas.
“Defende o teu dereito a pensar, porque incluso pensar de forma errónea é mellor que non pensar”. Con estas palabras Hypatía de Alexandría animaba a sociedade clásica a ter un pensamento de seu. Directora da Escola Filosófica de Alexandría e fiel seguidora dos principios platónicos, está considerada como a última gran matemática da antigüidade. Os estudos de Hypatía levárona a rebater a idea de Ptolomeo de que a Terra era o centro do universidade. Ao longo da súa carreira interesouse tamén pola mecánica práctica.
Emilie de Châtelet, a quen se lle adicou parte da xornada de onte, desenvolveu unha intensa actividade científica e matemática que influíu de xeito decisivo nas obras de Voltaire. Ambos os dous trataron de rebater as ideas de Descartes.
Pola súa parte, a última protagonista do día foi María Gaetana Agnesi,a autora de Institucións Analíticas e a matemática que formulou a curva bautizada co seu apelido.