PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
Coloccini, o mellor do curso
A tempada dos deportivistas, un por un

Rodri Suárez O Dépor acabou o ano en Europa tras coquetear co descenso e saír do pozo grazas á regularidade de Coloccini; o pouso de veteranos como Sergio ou Manuel Pablo e a aparición dalgúns dos máis novos como Lafita, Filipe e, de xeito irregular, Xisco.

Reloxo 22.05.2008 | 07:39

Valerón, Aouate, Manuel Pablo, Valerón e Guardado Valerón, Aouate, Manuel Pablo, Valerón e Guardado. RCD

Moitos foron os protagonistas da tempada do Deportivo, que acabou na Intertoto despois de dar a sensación durante moitas fases do curso que o descenso era inevitábel. Entre os máis destacados, Miguel Ángel Lotina por cambiar o rumbo, Augusto César Lendoiro pola confianza no proxecto nos peores momentos e, sobre todo, a afección, que mantivo o apoio nas malas e lanzou o equipo no rexurdimento. Sobre o céspede, de todo entre os 31 futbolistas utilizados, con espazo estelar para a canteira, algúns dos máis novos e os clásicos como os capitáns.

UN POR UN:

Aouate: Empezou mal e acabou mellor, pero creou polémica no vestiario cando caeu ao banquiño e logo foi vítima. Non ten claro o futuro.

Munúa: Fíxose coa titularidade e só foi correcto. Agrediu a Aouate e até tivo que ir ao xulgado. O normal é que marche.

Fabricio: Ten unhas enormes condicións, pero debutar en Primeira cos outros porteiros a golpes foi moita presión.

Manuel Pablo: Excepcional tempada a do canario, fisicamente feito un rapaz e con carácter no grupo.

Barragán: Mal ano para o de Pontedeume. Xogou pouco e lesionouse de gravidade.

Laure: Disputou un só partido e gustou tanto que até nos círculos futbolísticos de Madrid falouse del. Negocia para ser do primeiro equipo.

Coloccini: O Mellor. Bateu a marca de estar en todos os minutos e foi o corazón do equipo na totalidade dos apartados. Terá ofertas importantes pero Lendoiro pedirá, polo menos, 16 millóns de euros. En boa lóxica, irá a un grande. Pero todos queren que quede.

Lopo: Pasouno mal por unha hernia que case o aparta do fútbol, pero cando volveu demostrou a habitual seguridade.

Pablo Amo: Por fin explotou no Dépor. Logo dos seus clásicos problemas de lesións, encadeou unha xeira de grandes partidos e incluso marcou varios goles.

Adrián López: O chamado Piscu a pesar de que non lle gusta foi unha das sorpresas da campaña. Estivo en 16 encontros e sempre cumpriu. Un dos mellores xogadores mozos da Liga.

Chapi: Moi ben nos poucos minutos dos que dispuxo. Mobilidade e carácter. A súa continuidade é dubidosa. Ten moito porvir.

Aythami: Un único e desastroso partido condenouno a unha cesión no Xerez, onde lle vai mellor.

Rodri: Unha anomalía. Sorprendentemente, foi titular no primeiro partido e aos dous días foi cedido ao Ejido, onde nin seguera é titular fixo.

Filipe: Do mellor do ano. Medrou moito como xogador e amosou moi boas condicións como carrileiro. Fichará definitivamente tras dúas cesións.

De Guzmán: Perdido na primeira metade da campaña, mellorou enormemente coa defensa de cinco e así foi dos máis destacados cun despregamento imposible de esgotar.

Sergio: Entre dúbidas varias meses, a partir de xaneiro volveu ser o doutras épocas: un mestre da circulación. Fabuloso lanzador de penaltis, tamén.

Antonio Tomás: Lotina di que lle lembra a Guardiola e deixou cousas cando tivo minutos, pero fáltalle bastante para ter máis protagonismo en Primeira.

Juan Rodríguez: A regularidade en persoa. Sempre cumpre malia que case nunca loce.

Cristian: Deu traballo por banda e pouco máis.

Verdú: Fixo partidos de clase que abriron a porta da esperanza, pero logo deixou de aparecer no once.

Guardado: Non decepcionou a fichaxe estrela. Só as lesións ensombreceron un futbolista con clase, gol e percorrido que está chamado a liderar o Dépor o vindeiro ano.

Wilhelmsson: Chegou no mercado invernal e ao principio falábase máis da súa moza modelo que do seu fútbol. Agora é ao revés, o que ilustra o seu magnífico nivel. Estará na Eurocopa e, como chegou cedido e non é precisamente barato, semella complicado que volva xogar na Coruña.

Lafita: Moi mal ao principio, foi unha das sensacións da segunda volta, cando agradou a base de desborde e puntaría. O club executará a opción de compra.

Pablo Álvarez: Apenas contou para Lotina e foi cedido ao Rácing, onde quedou clara a súa calidade. Volverá ao Dépor.

Valerón: O importante é que volvese xogar e así foi. Nos únicos minutos serios que tivo, contra o Levante, foi decisivo e deu un pase máxico que se converteu no intre máis plástico e emotivo da tempada. O curso que vén será decisivo para saber o camiño que colle a carreira do xenio canario.

Riki: Moi ben como revulsivo, cada vez está máis perto do que del se espera. Ten ofertas, pero Lotina quere retelo como xogador número 12.

Xisco: Cando dispuxo da confianza do adestrador cumpriu e foi o máximo anotador con nove tantos. Precisa regularidade.

Taborda: Empezou mellor do agardado pero o correr do ano volveu evidenciar as súas tremendas limitacións. Intentarán vendelo.

Bodipo: Rematadamente mal. Buscará unha saída.

Rubén: Pasou de descarte a ter uns minutos e cumprir pero non foi un futbolista de primeira liña para o equipo. Outro que marchará.

Adrián: O asturiano ten un enorme potencial pero segue sen dar o esperado paso adiante. No Dépor moi pouco e no préstamo ao Alavés moi irregular. O previsto é que o volvan ceder.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil