
En Balaídos hai quen entende ir ao fútbol como un acto de protesta, máis rotundo que ir a unha manifestación e máis descansado porque se pode facer todo o "traballo" sentado. É un costume vello para os seguidores celestes, que son remisos ao aplauso, que sospeitan das vantaxes do cariño e prefiren o castigo a pouco que o equipo falle.
Diante do Albacete, esa parte do público que prefire o asubío ao cántico de ánimo empezou a inquedarse no minuto 15 e no minuto 30 xa estaba a pitar con ganas. A sinfonía colleu forza no descanso e na segunda metade os primeiros apupos dirixidos aos xogadores trasladáronse á figura ausente do presidente Carlos Mouriño, pedíndolle a demisión como se o seu cargo fose electo.
Ao fútbol en Vigo van, no mellor dos casos, 10.000 persoas. É un espectáculo en decadencia na cidade. E iso sábeo a propia directiva do Celta e, sobre todo, os futbolistas. Esa decadencia vénse fraguando desde que o club ascendeu no 2004. Pitóuselle a Fernando Vázquez cando o equipo estaba quinto. Asubiouse canto se quixo durante tantas xornadas que os célticos afogaban nos postos de descenso, convertendo o campo propio nun purgatorio que pesaba cada día máis, como se as camisetas se enchoupasen de litros e litros de auga.
E agora? Agora corremos o risco de ver como o Celta esborralla as súas expectativas de ascenso e cae na mesma desidia do ano pasado. Podemos ver como un plantel practicamente confeccionado con xogadores "de paso" vaia a Balaídos con tapóns nos ouvidos para non escoitar a insidiosa melodía dos asubíos. Estou convencido de que a protesta non vai deixar nin un só punto no papo celeste pero si pode acelerar a descomposición do club.
Demostrado queda que Antonio López ten moito que mellorar para adecentar a imaxe dos seus pero o principal problema de aquí a final de tempada vai ser a motivación, que o equipo saiba que xoga para alguén, non contra uns poucos. Que os celtistas que entenden o fútbol doutra maneira saian do armario e aplaudan, animen o equipo, se impoñan a unha maré de descontento que debe nacer bastante lonxe de Balaídos e que, en Vigo, só desemboca no fútbol e no tránsito.
Para os que piden a demisión de Carlos Mouriño, só un dato obvio: o Celta é unha empresa privada cun reparto de accións determinado e unha ampliación de capital en marcha. Aos descontentes que queiran relevar o presidente failles falta cartos, non berros de protesta.