Como foi que A porta de Mayo estea en galego –en tradución de Santiago Jaureguizar– e non na lingua orixinal, o castelán?
Este libro ten unha historia singular. Hai 16 anos Tina Blanco, Jaureguizar e máis eu iniciamos un xogo literario que consistía en escribir tres versións sobre o enigma de quén estaba soterrado nunha misteriosa campa na casa da miña familia. Pouco despois Jaureguizar empezou a traballar en El Progreso e distanciámonos os tres. A historia quedou aí e foi tomando outra cor. Converteuse nunha reflexión sobre a miña familia, en cuxa historia está lonxanamente baseada, e cando estivo acabada tanto Tina coma min sabiamos que era un libro distinto. Jaureguizar, para “sentirse” dentro do proxecto, ofreceuse para traducila ao galego e buscarlle editor. Pareceunos fantástico porque é unha novela moi galega e de momento non temos présa por editala en castelán. É un libro que precisa tempo, de ciclo lento, complexo, implacábel e esixente co lector.
Definiríao como unha deconstrución da memoria?
É unha historia real metabolizada. Hai certos aspectos da miña familia que literariamente son máis potentes que na novela pero non me considerei con dereito a publicalos. Noutros casos hai só imaxinación. Por exemplo, na novela fálase de que a orixe da familia é un cabaleiro irlandés que chega a Galiza por erro no século XII. Na realidade, o “náufrago” era un baixo nobre asturiano do século XV. Pero na altura de empezar a novela, viaxaramos a Eire para buscar as orixes do meu apelido materno, Trenor, que si é irlandés e pensamos que xunguir Irlanda con Galiza daríalle máis potencia ao relato.
Na súa familia seguro que encontrou un viveiro de historias
En efecto había un ambiente propicio para a literatura. O meu avó foi escritor e o meu tío, no que se inspira o personaxe de Patricio Mayo, gravou nun magnetófono de madrugada centos de relatos.
Se analizamos as vendas de novela, parece que a xente non cansou de ler historias.
Coido que a vida cotiá, é só unha sucesión de feitos continxentes: obrigas, ataduras, rutinas... Onde un vive a vida é na literatura. Aí despréndese desas cadeas e se deixa levar pola propia esencia vital. Precisamos reinterpretar a nosa existencia sen esas ataduras e por iso triunfan as novelas. Non estou de acordo con esa afirmación de que todo está contado e que só importa o cómo se conte. Segue habendo moito terreo que explorar. Eu escribo para coñecer, para buscar, para profundizar na experiencia de vivir. Se atendemos á historia, hai máis de vida no que escribiron William Shakespeare e os seus contemporáneos que no que viviron.
Vostede deixou dito que escribe libros que “tamén poden ler nenos e mozos”.
Hai que usar as coleccións infantís e xuvenís coma un cabalo de Troia porque os rapaces son receptivos. Os escritores que temos confianza e fe no que facemos sabemos que a literatura infantil ou xuvenil non é iso que moita xente cre de libros para aprenderlles a ler aos pequenos. As crianzas escollen os libros que queren fóra dos ditados do mercado. De feito, ninguén é tan libre nin ocupa tanto tempo en pensar como un neno entre os oito anos (cando cobra uso de razón) e os 14 (cando recibe os impulsos sexuais). Paradoxalmente, ofrécenselles libros simplóns, contos maniqueos onde o heroe resolve unha serie de problemas e sae triunfante. Pois non, son lectores esixentes que buscan problemas complexos. Eu deses anos lin Robinson Crusoe. Ese tipo de literatura segue a ser necesario.
Que opina de fenómenos comerciais como Crepúsculo ou Harry Potter?
Os lectores non son parvos. Claro que detrás deses libros hai traballo de mercadotecnia pero ao final hai uns que triunfan e outros que se esnafran. Na orixe desas historias seguro que houbo un impulso auténtico e conseguiron xerar unha resposta fervorosa igual de natural. Son pequenas erupcións que inxectan de diñeiro a industria editorial e permiten publicar outros textos. O que non entendo é esa teima de aproveitar certas marés para propoñerlles a escritores que só pensan coa carteira e non coas entrañas que fagan “copias”. Dáme pena que se tiren centos de exemplares de capa prateada que se acumulan nos almacéns.
Di Agustín Fernández Paz que os nenos lectores son moito máis activos e acaban creando unha reacción no escritor.
Estou de acordo. Os que escribimos sobre nenos temos a sorte de contactar con eles, non só de maneira conxuntural no noso contorno senón con centos de rapaces “descoñecidos” que che van indicando que temas lles interesan. Con ese material, se o escritor sabe ir un paso por adiante, poderá ofrecer textos máis atractivos. Eu este curso dei 350 charlas en toda España e confirmei que os cativos len moito. Contra o tópico, hoxe lese máis ca nunca e o modelo de lector non é aquel “rato de biblioteca” dos meus tempos. Segundo as estatísticas que publica a editorial SM cada ano, o mellor lector é o mellor deportista, o mellor estudante, o mellor relacionado cos seus compañeiros, o mellor nos videoxogos... Hoxe xa ninguén se burla do neno que leva o libro baixo o brazo, ao contrario, veno como un triunfador.