Redacción . A Real Academia Galega e o colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais de Galiza 'Colega' chegaron a un acordo para modificar o significado de cinco termos na reedición do dicionario oficial de galego, co obxectivo de facelo 'respectuoso' co colectivo homosexual.
Así o explicou hoxe en Santiago o secretario da Real Academia, Manuel González, quen atribuíu esta modificación nos termos denunciados polo colectivo gai á necesidade de que organismos como a RAG sexan "dinámicos" e "avancen" coa sociedade.
"Un dicionario que queira ser unha obra actual ten que estar aberto tamén a modificacións", explicou o académico, quen mostrou a "disposición" da RAG "cos brazos abertos" a modificar outros termos que poidan prexudicar a algún colectivo.
En concreto, as modificacións afectarán en principio aos significados dos termos 'homosexual', 'homosexualidade', 'matrimonio', 'pederasta' e 'pederastia', que na edición de 1997 incluían referencias "pexorativas" cara ao colectivo gai.
Respecto
Manuel González fixo fincapé na súa intervención na "enorme preocupación" da Real Academia "polo respecto a todas as ideoloxías e todos os colectivos" e asegurou que esta institución "pretende ser un exemplo de corrección lingüística e corrección social".
Neste sentido, Manuel González atribuíu o atraso na actualización das definicións dalgúns termos aos tempos estabelecidos para novas normativas e recordou que isto é algo "que se dá en todos os dicionarios da contorna" galega.
En todo caso, o académico fixo un chamamento para que calquera persoa ou colectivo que se senta "discriminado" por algunha acepción, se poña en contacto coa Real Academia, onde recibirán as achegas "cos brazos abertos".
O novo dicionario da RAG, que ten prevista a súa saída ao mercado entre abril e maio do próximo ano, ampliará ademais os seus termos até case duplicar as 30.000 entradas que ten na actualidade.
“Fito” na historia
Pola súa banda, o presidente de Colega Galiza, Rafael Moral, encomiou a predisposición da RAG a modificar estes termos no seu dicionario e anunciou que o colectivo levará a cabo unha campaña de promoción e difusión deste novo documento que supón "un fito na historia" e "abre camiño en España e Europa".
Así mesmo, indicou que, a nivel estatal, o colectivo Colega demandou hoxe ante a Real Academia Española que realice modificacións tamén nos seus termos, do mesmo xeito que o levado a cabo pola RAG, para que os dicionarios oficiais sexan "unha guía de convivencia e non un dique de contención para posturas atrasadas".
Descargar Tarifas