Alda do Espírito Santo (São Tomé, 1926) é unha das poetas maiores de África en lingua portuguesa. Mais a súa poesía, sen carencias nin límites, provén da súa militancia política, da súa loita cívica e contestataria. Non busquemos outros considerandos nesta profesora que xogou un enorme papel na resistencia anticolonial e unha das poucas mulleres que liderou a loita pola liberación de São Tomé e Príncipe. Proclamada a independencia, Alda do Espírito Santo foi ministra de Educación e Cultura, de Información e Cultura e Presidenta da Assembleia Popular da República Democrática de São Tomé e Príncipe, secretaria xeral da União Nacional de Escritores e Artistas de São Tomé (UNEAS). Autora do himno nacional do seu país.
Dona Alda convócanos aos extremos mais cadenciosos e épicos que súa poesía esclarece en seu combate reflexivo. O seu poemario: É Nosso o solo sagrado da terra é unha especie de breviario onde se solemniza todo un proceso de sufrimentos, de inconformismos, de presaxios, de combates e a conquista pola independencia. En cada temario hai un pronunciamento nu e xeneroso onde este arquipélago africano toma un destaque importantísimo partindo dunha ideoloxía comunal. Neste libro, polo miúdo, a autora debullou todas esas fases prioritarias que o pobo sãotomense precisaba para alentar conciencia de nación e de explotación. Por isto, a poética de Alda do Espírito Santo está connotada nuns códigos maximalistas e existenciais.
Neste libro está presente o pobo traballador con súas carencias e servidume, como nestes versos: “Avó Mariana, lavadeira/ dos brancos lá na Fazenda/ chegou um dia das terras distantes/ com seu pedaço de pano na cintura e ficou”. Tamén encontramos a lembranza contestataria, en son de cantiga de escravos: “Cacau/ Cacau/ Café/ Inferno de S. Tomé”. O grito desesperado e de confronto dos insulares toma apousento na crónica poética de dona Alda. Neste cronicón está a historia viva e vivida dos sãotomenses no que se mastigan todas esas confidencias e convites que os seus versos revelan. Versos contextualizados na laceración dos mais indefensos, crianzas e mulleres. Aí está todo ese organigrama de avatares e proezas, ben asistidas e dosificadas para entender un país de pequenas dimensións a través destas condensacións poéticas.
Neste enorme libro de Alda do Espírito Santo consérvase a idea clara dunha emancipación universalista que parte de experiencias e de contradiccións vividas no seu país e na metrópole colonial. Mais a palabra ergueita e luminosa irradia a contemplación dun estado de cousas que precisaban de ser corrixidas e civicamente espalladas. A poesía de dona Alda está no punto álxido desa súa devoción por facer país con persoas libres.