PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Entrevista co conselleiro de Medio Ambiente
"A política de protección deste Goberno non a soñaría outro"

Esther Rodríguez Manuel Vázquez aposta por adiantar o cumprimento de dous grandes temas pendentes: o traslado de Ence e o saneamento das rías.

Reloxo 10.12.2007 | 07:00

Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG. AGN Como político curtido que é, comprende a todos: aos ecoloxistas, ás empresas e aos cidadáns dun e outro bando. As decisións, son outra cousa. O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, insiste sobre todo nun aspecto: a gran diferenza coa Xunta anterior.

Comezou sendo un dos conselleiros mellor valorados e acaban de “galardoalo” (ex-aequo con Fernando Blanco) co premio Cemento á Peor Actuación Ambiental. Rematou a tregua?

Eu son un coñecedor da política galega desde hai moitos anos, e a política de protección medioambiental que adoptou este Goberno nunca a soñaría nengún outro goberno. Protección de Rede Natura, política de protección do litoral, paralización de minicentrais que reventaban os ecosistemas fluviais... Parece que estou vendendo unha moto, pero a verdade é que se deu un salto en dous anos e medio absolutamente xigantesco. Por definición, os colectivos ecoloxistas sempre teñen que decir que todo falta por facer, é lóxico. Falta moito por facer, pero é indiscutibel que fixemos máis nós en dous anos que en 16 o Goberno anterior.

Quizáis había expectativas máis elevadas do cambio?

Adiantamos pola esquerda á maioría dos colectivos. Quen esperaba que paralizasemos todas as minicentrais que están en trámite? Ou que retiresemos as piscifactorías de Rede Natura? Este Goberno tomou medidas potentísimas pero a veces dánse paradoxas, como que aparezan grupos ecoloxistas defendendo que non se faga a depuradora de Ribeira, porque contamina. Non, o que contamina é non ter depuradora. Ás veces é máis fácil sucumbir a localismos fronte á defensa do interese xeral.

O vindeiro 1 de xaneiro terá lugar a cesión do Parque nacional das Illas Atlánticas. Estará listo o plan de xestión e uso?

Practicamente completado. Sen menoscabo do que está facendo Madrid, estou seguro de que a singularidade que vai supor a xestión desde Galicia vai ser moi importante.
Con todo, máis que os planes de xestión, que os hai que ter, hoxe a clave dun parque natural é o plan de sostibilidade. Está demostrado en outras partes do territorio español e do mundo que un espazo natural protexido dinamiza a economía cando se fai ben, non hai máis que ir a Somiedo a Redes... O desafío que temos é tratar de poñer en marcha e convencer, que non é fácil, que en vez de haber comisión de afectados polo parque natural, haxa sistemas de desenvolvemento socioeconómico do parque que temos que protexer.

Tras o desastre do Xallas, imporánse finalmente medidas contundentes a Ferroatlántica?

Está aberto un tema xudicial, e hai tamén un proceso interno en Augas de Galicia e en Conservación da Natureza. Mentres se desenvolve a vía penal, nós temos que estar quietos, recopilando información, pero non nos ten que temblar a man para facer cumplir a lei e pode haber sorpresas. Se algún exemplo hai do que non se debeu facer nun río en Galicia é o Xallas e Ézaro.

Cal é o gran proxecto pendente para o que queda de lexislatura?

O que podemos rematar este ano, pero que se complica, é o saneamento das nosas rías e dos nosos ríos. Se conseguiramos que Galicia cumpla a directiva europea no vindeiro ano 2008, xa xustificaría para min o ter pasado pola política.

A promesa de trasladar Ence de ría de Pontevedra está aínda no aire.

Agora todo o mundo está a dicir que ese tema xá estaba sobre a mesa, pero non é así. Hai unha decisión de todo o Goberno da Xunta de que no 2018 Ence ten que estar fóra da ría de Pontevedra, e eso non o poden minorar. É certo que houbo unha posición inicial belixerante da empresa, e que hai que avaliar os compoñentes laborais, empresariais e sociais, pero agora a empresa está falando.
A gran pregunta sobre Ence é se seremos capaces de adiantar datas, e eu estou convencido de que o imos conseguir. Hai boa sintonía.

“As piscifactorías non son un problema medioambiental”
Manuel Vázquez considera que moitos casos de críticas medioambientais agochan outros intereses. O caso das piscifactorías é paradigmático, na súa opinión: “Non son un problema medioambiental, son un problema paisaxístico, social, de xente que di 'a min non me gusta ver piscifactorías diante da costa'. Vale, a min tampouco me gusta ver fábricas diante da miña casa, pero eso non é o mesmo que dicir que se está a incumplir a lexislación”.

Na outra banda, as empresas tampouco se libran do “tirón de orellas” do conselleiro. Vázquez defende o canon hidroeléctrico que comezará a cobrar a Xunta: “O lóxico sería que todos aqueles que obteñen un beneficio privado dun ben común deixaran unha parte ao desenvolvemento sostibel dos que viven alí. Unha gran hidraúlica factura moitísimos millóns ao ano, non é extraño que se lle diga “deixen vostedes algo”.
“O PP está nun ciclo á baixa e o resto de partidos estamos á alza”

Coas eleccións estatais en perspectiva, cos cálculos de partido e coas “enquisas que todos manexamos”, Manuel Vázquez pónse a vestimenta de secretario provincial do PSdeG e amosase optimista en canto a resultados, especialmente en Ourense. “Hai un detalle en Galicia que é imparabel, que é que o PP está no ciclo á baixa, e no resto dos partidos estamos nos ciclos á alza. Cal é a gran incógnita? Cando se van cruzar esas dúas liñas”. Na súa opinión, os socialistas chegarán a ser forza política maioritaria.

Vese vostede de presidente da Xunta, como moitos prognostican?

(Sorrí). Non, eso é unha maledicencia do Partido Popular. O PP non quere asumir unha realidade, que é que teñen presidente da Xunta para moito tempo. Se algunha figura está destacando hoxe na política galega, pola súa prudencia, pola súa xestión, pola súa capacidade de traballo, ese é Emilio (Pérez Touriño).
O Partido Popular ten que asumir dous detalles: que Alberto Núñez non se vai facer vello na oposición porque se vai a largar -cando perda as eleccións xa o mandan para casa-, e que o Partido Socialista ten un activo que se chama Touriño e que, por idade, por capacidade política e por estratexia, vai estar moitos anos de presidente.

O pacto co BNG sofre fortes sacudidas cada vez que se aproximan as citas electorais. Sobrevivirá a lexislatura?

O pacto, como todos os do mundo, terá altibaixos. Teremolos cada vez que se crucen unhas eleccións, é o normal. Nós somos un goberno con dous partidos políticos moi distintos, e é normal que teñamos cousas que nos unan e cousas que nos separen, senón seriamos o mesmo. Cal é a habilidade dun pacto? Saber as cousas que nos unen, que neste caso é o cambio de Galicia. Cada un na súa consellaría, estámoslle metendo dente a un cambio estrutural para Galicia, e neso sempre estamos dacordo.

O que fala dun Goberno son os presupostos e o Parlamento, e no Parlamento e nos tres presupostos que presentamos, fomos bastante máis eficaces que o PP cando tiña maioría absoluta.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río