Redacción . A que xa é a XXII edición do Festival de Poesía do Condado bota a andar en Salvaterra de Miño o próximo xoves. Este ano, o encontro preséntase como foro de achegamento ás reivindicacións populares e veciñais fronte aos intereses empresariais, co lema 'Galiza non se vende'.
O xoves comeza o Festival coa apertura ao público das exposicións nas Covas de Dona Urraca (Casa do Conde), ás 19.30 horas: a pintura de Fernando Morales e Helena Ayape Guisán e o 'Percurso do rio Minho' retratado polas fotografías de Germán Cruces Rajoán comparten espazo cunha mostra de instrumentos tradicionais, e outra coordinada polo poeta Igor Lugris: 'Poesia para ver, poesia para ler'. Nas mesmas Covas de Dona Urraca botan a andar ás 20.00 horas as xornadas do audiovisual, coas curtas premiadas no Festival de Cans e os documentais O salario do silencio, de Mabel Rivera e Enrique Banet, e As Encrobas. A ceo aberto, de Xosé Bocixa. Xa contra as 22.30 horas, actuarán Tino Baz e o seu grupo e mais a poeta Marica Campo. O venres, de novo, serán proxectados traballos audiovisuais nas Covas, desta volta ás 20.30 horas: unha selección de vídeos de Galiza non se vende, O AVE de Barcelona a Galiza, de Sants.tv, a televisión virtual de BarriSants, e máis curtas premiadas en Cans integran o programa. E a poesía e a música toman a festa... O venres ás 22.30 horas ten lugar, xa nas murallas, a Festa da Mocidade, presentada polo dúo que integran Carlos Meixide e Tomás Lijó, Os da Ría. Recitan O Leo, Kiko Neves, Carlos Figueiras, Valentina Carro e María Lado, e actuarán Ataque Escampe, The Turre's Band, a banda portuguesa Os Corvos e O Sonoro Maxín, para rematar, unha sesión DJ a cargo de Marcos Payno. O sábado ás 11.30 horas bota a andar a marcha popular, coa murga Sur do Condado, os gaiteiros Bailía e animación de rúa a cargo de Touporroutou. Unha hora despois ten lugar unha mesa redonda cos colectivos da rede 'Galiza Non Se Vende', e comeza a feira popular de artesanato ao vivo: cesteiros, cabaqueiros e tamanqueiros participan tamén na festa. A tradición segue pola tarde, co I Abertinho de Bilharda ás 16.30 horas. Os dous equipos gañadores levarán lotes de libros, e o primeiro, amais, unha caixa de viño. Touporroutou encárgase tamén da animación para os máis pequechos a partir das 17.30 horas. E ás 19.30 horas, dous dos mellores regueifeiros do país, Luis Caruncho e Pinto d’Herbón, presentan un festival de poesía onde participan Xiana Arias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Roussia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, dende Cataluña, Nuria Martínez Vernís, Limam Boicha dende o Sáhara, e o portugués Isaque Ferreira. A música da Quenlla, o grupo portugués Canto da Terra, Tabanka Djazz, dende a Guinea Bissau, e os cataláns Pirat's Sound Sistema, ponlle o broche de ouro a tres días en que a poesía é, máis ca nunca, unha festa.
Cartel do XXII Festival de Poesía do Condado