Redacción . A Federación Galega da Construción presiona á Xunta para lograr maior 'seguridade xurídica' das novas promocións e paliar a crise do sector.
Os construtores e promotores galegos valoran positivamente a reunión mantida co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e catro conselleiros, pero coinciden en demandar axilidade en resolver as propostas que lles formularon e nas medidas que ten previsto implantar o Goberno para axudar a estes sectores na actual conxuntura negativa. En declaracións a Europa Press, o presidente da Federación Galega da Construción, Eligio Nieto, destacou a "cordialidade" do encontro, pero puxo en dúbida que a Xunta poida adxudicar este ano os 1.500 millóns de euros de obra pública aos que se comprometeu no plan de dinamización presentado o pasado xaneiro. Eligio Nieto precisou que o Executivo autonómico licitou no que vai de exercicio 775 millóns, pero só adxudicou 450, "menos da terceira parte do obxectivo para todo o ano", e advertiu de que "só quedarán catro meses para cumprilo", pois "en agosto está todo parado". Non obstante, subliñou que Touriño lles manifestou que fará "todo o posible" para responder a este compromiso e os construtores lle demandaron "axilidade", pois consideran que ao ritmo actual non se cumprirán as expectativas e recordaron que "está a aumentar moito o paro" nun sector do que dependen "de xeito directo 160.000 persoas" en Galicia. Cambios normativos Nieto tamén alertou da "inseguridade xurídica" que provocan os continuos cambios normativos en materia urbanística, pois recordou que a grande maioría dos 315 concellos galegos "non ten aprobado o seu plan xeral" e as normas subsidiarias en vigor colisionan ás veces coa recente modificación da Lei do Solo. Pola súa banda, o presidente da Federación de Promotores de Galicia (FEPROGA), Javier Garrido, resaltou que o sector sae deste encontro "coa sensación do comezo de algo", pero alertou de que "xa se perdeu demasiado tempo". Por iso, solicitaron a Touriño que "se aprobe o antes posible" o plan do litoral, que poría fin á prohibición preventiva de ata dous anos de novas construcións a menos de 500 metros da costa, que concluirá como moi tarde en maio de 2009. Segundo Garrido, Touriño comprometeuse a axilizalo, pero non concretou datas. Os promotores tamén solicitaron á Xunta que as directrices de ordenación do territorio (DOT) "non teñan a posibilidade de ser interpretado", pois iso levaría consigo "un risco de paralización" que suporía un prexuízo moi importante nun momento de crise económica. Igualmente demandáronlle "presión" ante as entidades financeiras para poder contar con financiamento nunha conxuntura con problemas de liquidez e a necesidade de relacionar o plan sectorial de vivenda -que pode cualificar chan á marxe do plan- co rexistro de demandantes e os plans xerais, para adaptar "o número de vivendas protexidas ás que realmente se necesiten". Construtores e promotores tamén valoraron o anuncio de Touriño da constitución dun observatorio en setembro para seguir a evolución do mercado inmobiliario, pero coincidiron en que despois do verán o Goberno deberá ser máis concreto, tras analizar as demandas entregadas por estes sectores.
Reunión de Touriño e catro conselleiros coa Federación de Promotores de Galicia
“Remar todos xuntos na mesma dirección”. Esta é a consigna que trasladou o presidente da Xunta á patronal da construción na reunión que mantiveron, na que tamén participaron catro conselleiros: os socialistas Ricardo Varela (Traballo), Fernández Antonio (Economía) e María Xosé Caride (Política Territorial) e a nacionalista Teresa Táboas (Vivenda).
Os empresarios lograron que o Executivo se comprometa a negociar coas entidades de crédito para conseguirlles a liquidez perdida. Así Touriño explicou, tras o Consello da Xunta, que a Consellaría de Economía manterá xuntanzas cos bancos para que “se facilite o crédito cando se trate de proxectos solventes”.
Menos impacto no emprego galego
Emilio Pérez Touriño tentou tranquilizar á opinión pública sobre a crise inmobiliaria, tras a suspensión de pagos de Martinsa-Fadesa. O líder admitiu que "é evidente que os cidadáns perciben a situación como crise".
Para calmar os ánimos utilizou datos como que o paro na construción subiu un 1,2 por cento en Galiza fronte ao 4,5 no Estado. Tamén puxo sobre a mesa unha estratexia política que pasa por “máis licitación de obra pública, vivendas protexidas, seguridade e confianza”.
O líder socialista insiste en que a Xunta está a licitar máis obra pública neste ano. Así dixo que xa licitou 775 millóns dos 1.500 previstos este anos. Unha cifra que non cadra de todo cos datos da patronal, que explica que o executivo, malia licitar 775 millóns, só adxudicou 450, unha terceira parte.
Reformas lexislativas
Da xuntanza tamén trascendeu o compromiso da “aprobación inmediata” das directrices de ordenación do territorio e nos próximos meses do plan de ordenación do litoral. A Xunta así responde as demandas da Federación Galega da Construción, que se queixa da “inseguridade” xurídica que supostamente teñen que aturar os promotores.