Redacción . O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou que no mes de setembro o Goberno galego aprobará un decreto que estabelece unha paga anual única de 200 euros para as pensións non contributivas. O Executivo comprometérase a facer efectiva esta medida no segundo semestre do ano.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Touriño explicou que o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, trasladáralle nunha reunión que tiña “practicamente” listo o decreto, que depende do seu departamento e de Vicepresidencia e que conta cun orzamento de 10 millóns de euros. Así mesmo, o Consello da Xunta analizou un informe do departamento de Fernández Antonio sobre a situación económica e a marcha das medidas de dinamización postas en marcha polo goberno galego a comezos de ano para paliar a situación de desaceleración económica. Touriño explicou que o informe se dará a coñecer minuciosamente nos vindeiros días, aínda que adiantou que se avanza “en parámetros moi positivos” en cuestión de licitación de obra pública, con 850 millóns de euros no que vai de ano. En canto a vivenda protexida, a disposición de solo coa que conta a Xunta permitirá a construción de 3.600 vivendas, polo que para chegar ao obxectivo das 4.000 comprometidas só resta o solo para 400 vivendas pendentes de repartillamento do parque ofimático.
Grupo de xubilados xogando ás cartas