Olalla Castro Veiguela . É un dos países máis tranquilos de África, pero a prosperidade trae loitas polo poder. Tras algúns acontecementos de violencia, os keniatas tratan de recuperar a imaxe pacífica do país para non espantar os turistas, principal fonte de riqueza
Kibera sae na película O xardineiro fiel. No filme de Fernando Meirelles había unha escena que transcorría nun campo de golf. Esa imaxe quedou gravada na retina de moitos visitantes. A imaxe de contraste entre o green e os tellados de uralita é metáfora de moitas cousas en Kenia. Nos barrios de casoupas viven ao redor dun millón e medio de persoas sen auga potábel nin electricidade. O fedor séntese a quilómetros. Nos lameiros conviven nenos e cans, disparos e farrapos, lixo e xantar. Situacións coma a de Kibera poderían explicar por que hai conflito en Kenia. Así sería seguindo un pensamento racional. Mais, por desgraza, os chamados aos pobres para rebelarse non proceden de ninguén que se preocupe realmente por eles. Os que arengan e arengaron á rebelión nos últimos meses son tan ricos coma os actuais gobernantes. Están dispostos a negociaren cos seus opoñentes a cambio de parcelas de poder. Se no futuro volven á protesta será simplemente porque o anaco de torta é pequeno de máis. Máis aló das loitas de poder, os quenianos son conscientes de que deben traballar cada día para sobrevivir. Kenia é un país de referencia no Leste de África. O elevado crecemento económico dos últimos anos e a autonomía fronte ás axudas internacionais converteuno nun punto atractivo para os investimentos estranxeiros. Os turistas aprecian a seguranza que caracteriza o país e as súas cifras de visitas son espectaculares, máis tendo en conta o seu contorno. A poboación decatouse do maná do turismo e recibe o visitante cun sorriso. O turista pensa que aprofunda nas raiceiras máis enxebres de África. Entón, por que agora isto? Con todo, os quenianos decátanse de que o camiño que tomou a súa sociedade denantes pacífica é perigoso e pode ter consecuencias moi duras no medio e longo prazo. Os anteriores pactos entre faccións están en crise e o futuro é imprevisíbel.
neneos en Nairobi, durante o Foro Social Mundial en 2007
Lume no Paraíso
A traxedia de Eldoret en xaneiro, na que 30 persoas foron queimadas nunha igrexa, reviviu as imaxes das matanzas de Ruanda a mediados da década do 1990. Usouse o vello esquema dos odios tribais para alimentar o lume. Kikuius e lúos, unidos nas eleccións do 2002, agora pelexan.
En realidade, grupos de intereses que se decatan dos excelentes beneficios de Kenia puxan polo poder. Só iso. E mentres, a maioría dos quenianos olla arrepiada as imaxes de violencia e busca o estranxeiro para advertilo de que nin moito menos as rúas do país están agora tomadas por hordas de mozos con ansia de sangue.