PUBLICIDADE
Xoves, 15 de maio de 2008
O estaleiro Barreras, Medalla de Ouro da cidade
'A Nosa Terra' premiada no Vigueses Distinguidos

Redacción .  'A Nosa Terra' recibiu o galardón aos Vigueses Distinguidos 2008 'polo seu compromiso coa cultura e a lingua galegas'. Outras cinco entidades e unha persoa completan a lista dos galardoados.

 24.03.2008 | 18:37

Primeira web de A Nosa Terra, de hai 10 anos
Primeira web de A Nosa Terra, de hai 10 anos
Co gallo da celebración da festa da Reconquista o 28 de marzo, o pleno do Concello de Vigo, nunha sesión extraordinaria celebrada esta mañá, acordou por unanimidade concederlles a sete persoas e entidades, entre os que se atopa A Nosa Terra, os galardóns Vigueses Distinguidos e a Medalla da Cidade, concedida ao estaleiro Hijos de J. Barreras.
Tras a forte división política do pasado ano, os tres grupos políticos do concello pactaron a elección dos galardoados. O socialista Carlos Font, o nacionalista Xabier Alonso e Lucía Molares polo PP encargáronse dunhas negociacións nas que cada partido propuxo dous candidatos a Vigueses Distinguidos, ademais dun nomeamento a maiores pactado polos tres grupos.
A entrega dos galardóns Vigueses Distinguidos e a imposición da Medalla da Cidade celebraranse no Centro Cultural Caixanova este xoves, 27 de marzo, ás 20 horas.
A Nosa Terra recibe o premio, segundo o Concello, "polo seu contributo na defensa da lingua galega e o seu compromiso coa cultura propia". A vinculación da empresa editora con Vigo remóntase aos inicios da década do 1980, cando fixou a súa sede central na cidade.

Vigueses Distinguidos 2008

O PsdeG propuxo o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo e a Asociación de Corais Polifónicas da cidade. Pola súa banda, o BNG nomeou a A Nosa Terra e a baloncestista do Amfiv María Vitoria Alonso Vilariño. O PP presentou como candidatas a Confraría do Cristo da Vitoria e a Asociación de Amigos da Ópera de Vigo. Os tres grupos acordaron concederlle o galardón á Asociación de Antigos Alumnos de Don Bosco, “María Auxiliadora”.

Medalla da Cidade

A Medalla de Ouro da Cidade recae no estaleiro Hijos de J. Barreras, “en consideración á súa longa traxectoria empresarial a prol da vida industrial e laboral de Vigo”. Os partidos da corporación subliñaron o “labor industrial acorde co cambio dos tempos, as tecnoloxías e os novos métodos de navegación” desenvolvidos pola empresa, que conta con 116 anos de existencia. A concesión da medalla débese ao papel como “fonte de postos de traballo que repercutiu de forma importantísima no mundo laboral de Vigo.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil