No ano en que a
AELG lle dedica un premio especial, e o seu director, Rubén García, foi recoñecido co premio de honra Marisa Soto, outorgado pola
AAAG na gala dos María Casares, a Mostra Internacional de Teatro de
Ribadavia anova a súa imaxe corporativa e estrea un espazo na rede. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de
Ribadavia, Anxo Collarte, e o director da Mostra, Rubén García, presentaron o evento este mércores, ás 11.00, na estación de tren. A nova imaxe, escenificada pola compañía local Teatro do Vilar, con visaxismo dos anos corenta, neste espazo, segundo o director da mostra, "reflicte as idas e vindas das xentes do teatro, as que viñan hai anos facer as súas presentacións até o Cine Europa, o Cine Río ou as prazas".
Anunciaron tamén a apertura do prazo para presentar textos teatrais ao Premio Abrente, dotado con 3.000 euros e a publicación da obra. Poden participar obras de tema e extensión libre e escritsa en galego. O prazo de admisión remata o día 30 de xuño, e os orixinais deben enviarse ao Concello de Ribadavia. As bases do certame, a programación e calquera outra información relacionada coa Feira poderemos consultala no seu novo espazo na web,
www.mitribadavia.com.
A programación para este ano, practicamente pechada, aposta, como sempre, por autores e autoras en activo e por obras recentes, combinando os grandes nomes co teatro máis rompedor. A Casa da Cultura, as igrexas, as prazas, as rúas e o castelo de Ribadavia converteranse durante máis dunha semana nun grande escenario, amais de acolleren diversas actividades paralelas.