A reunión da Mesa do Leite finalizou, tras cinco horas de negociación, sen un acordo entre as industrias lácteas e os tres sindicatos agrarios (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores) sobre o prezo medio anual de referencia, aínda que se cun "aceno" ou "declaración de intención" por parte das empresas de non baixar a cotización media aboada por litro do acadado en 2007, que foi de 36,3 céntimos de euro.
Os sindicatos valoraron este "aceno" pero admitiron a súa "decepción" non só porque non existe ningún "compromiso concreto" da súa execución, senón polo feito de que o prezo medio aboado en 2007 non garante a rendibilidade das explotacións gandeiras, porque o aumento dos custos de produción "non son comparables", argumentou o voceiro do SLG, Xabier Gómez.
Así, os sindicatos recordaron que os custos de produción de explotacións se encareceron moito debido á suba do gasóleo e dos cereais para reclamar un prezo medio anual de referencia superior ao de 2007.
"Non moveron ficha, cando non existía motivo para iso", recriminoulles ás industrias o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultures, Francisco Bello, quen alertou ademais, de que aínda que as industrias cualifiquen de "estacional" a baixada realizada ata seis céntimos de euro en febreiro, os gandeiros temen que en "marzo e abril" se produza novas caídas da cotización.
Por iso, avanzaron que manterán unha nova reunión mañá para analizar a medidas que adoptarán ante a falta de acordo e non descartaron que se retomen as protestas como as levadas a cabo as pasadas semana en Nadela (Lugo) e Pontedeume, que finalizaron con asalto a instalacións e estragos. "É posible que se fale de volver ás mobilizacións", adiantou o responsable de Acción Sindical de Unións Agrarias, Xavier López.
En todo caso, industrias e sindicatos acordaron levar a cabo reunións bilaterais para achegar posturas fóra do grupo de traballo da Mesa do Leite. Precisamente, o responsable de Leite Río, Xesús Lence, mostrouse convencido de que, ao finalizar 2008, os gandeiros "se verán cun aumento do beneficio superior ao 10 por cento".